"É necesario dar unha resposta colectiva e de orientación social a esta crise dende un pensamento contrario á desigualdade"
FRANCISCO RODRÍGUEZ.- É secretario xeral da Unión do Povo Galego (UPG) e membro do Consello nacional do BNG e da súa Executiva. Foi elixido deputado no Parlamento en 1993 polo BNG e deputado no Congreso dos Deputados dende 1996 até 2008.
a) Por que temos a actual situación de crise?
As causas son fundamentalmente catro: o capitalismo financeiro descontrolado e puramente especulativo; a globalización de macroespacios económicos desiguais que fomentan a desigualdade entre os países; a inexistencia de estrutura produtiva en moitos países; e a inexistencia de control político e soberanía dos pobos periféricos.
b) Cales poden ser as solucións?
Primeiro é fundamental saber que non é verdade que a crise se debe a que gastamos máis do que tiñamos, o déficit non ven polos gastos do Estado, senón pola especulación dos intereses privados. É a débeda privada a que agora imos ter que sufragar, non a pública. A única alternativa virá da man de catro vías: a recuperación da soberanía nacional dos pobos; a potenciación da iniciativa industrial e agraria propias; o control do capital financeiro; e a reforma da Unión Europea existente.
c) Cal cre que será o futuro?
Ou hai unha conciencia social ou imos ter que aceptar a subordinación do capital, empobrecéndonos cada vez máis. É necesario dar unha resposta colectiva e de orientación social a esta crise dende un pensamento contrario á desigualdade. Do contrario, isto será como o peixe que se morde a cola e a situación económica, lonxe de iniciar a recuperación, desenvolverase aínda máis.