Do maxín de María Yáñez xurdiu en 2006 a idea de convidar os grupos do país a argallar un ghit de verán. Conversamos con ela sobre o éxito da iniciativa. Vídeo no interior.
Era un tempo onde un individuo alcuñado 'El Koala' saíu da nada cun tema sobre un curral e unhas galiñas que grazas á difusión de internet tivo un inesperado éxito. Por que en Galiza non ía funcionar Así o recorda a xornalista María Yáñez, quen foi directora de Vieiros entre 2005 e 2006.
Por aqueles días pensou María na posibilidade de espremer as posibilidades de internet como plataforma de proxección para os grupos galegos e á vez enriquecer Vieiros cunha proposta lúdica para aquel verán. A motivación perfecta, cavilou, podía ser o convite aos nosos músicos a elaborar un tema, un só tema, coa intención de convertelo en "canción do verán". Nacía A Polo Ghit.
Unha iniciativa que tentaba ademais "esquivar a ditadura do disco" e a idea de que só un grupo con disco distribuído e carreira estándar pode darse a coñecer e facerse espazo. "Basta de chorar por non poder gravar un disco: se tes unha canción boa, grávaa como poidas, fai un mp3, dáa a coñecer" e que a xente saiba do bo que es. Aí xurdía o concepto de Ghit. "Non sabíamos exactamente se ía funcionar", pero o éxito foi rotundo, recorda María Yáñez, lembrando como os grupos responderon coa súa creatividade e como esa primeira edición quedou asolagada de propostas que sorprenderon ademais de pola calidade tamén pola súa diversidade. Un certame onde foi decisivo que se facilitase a posibilidade de libre descarga, copia e distribución na rede das pezas. Baixalas ao teu reprodutor para escoitalas, se cadra, de camiño á praia a espantar as calores do verán e ver se che fai mover, se che queda pegada, se queres volver a escoitala. "Porque esa é a proba de lume dun ghit", subliña María.