O presidente da Xunta exíxelle ao xefe do executivo español que reflexione sobre a súa continuidade e afirma que "son os españois que deben decidir en liberdade".
Feijoo acudiu este mércores a "La Mañana" da Cope
“Os gobernos non están para desgastar o país senón para desgastarse a si mesmos”, dixo Alberto Núñez Feijoo este mércores nunha entrevista na Cadena Cope, na que lle pediu ao xefe do executivo español a convocatoria de eleccións.
O presidente da Xunta asegurou na emisora dos bispos que José Luis Rodríguez Zapatero “debe reflexionar sobre a súa continuidade como presidente ao remate da presidencia española da UE e, “se lle interesa o seu país, ser consecuente”.
Asumindo o papel de líder con crecente crédito na dereita española, Feijoo comparou o Estado Español cunha embarcación da que asegura que descoñecemos a ruta “en plena tempestade”: “é evidente que hai moito risco de írmonos cara as pedras e que, unha vez que encalle, será moi difícil facer que volva navegar”. Así, asegurou que “é probábel” que ningún presidente do goberno español poida deixar aos populares un estado “tan debilitado” como Rodríguez Zapatero.
Finalmente, retomando a súa idea de que o presidente español goberna un país “intervido”, pediu que o goberno español asuma unha redución dos gastos, tal e como, asegurou, el acometeu en Galiza.