Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
O TRASNO

Os límites do pluralismo

Aló polo o pasado ano, cando xa en Irimia escribíramos sobre as enormes dúbidas que rodeaban o barullo sobre a gripe A, apareceron aqueles vídeos en “youtube” de Teresa Forcades.

Daniel López Muñoz - 21:57 12/05/2010

Esta catalana, doutora en medicina interna, que fixo estudios avanzados en saúde pública nos Estados Unidos, ía esmiuzando o tema cunha enorme serenidade e dando datos precisos e científicos: por que non era unha gripe tan “nova”, por que non había motivos fundados para o alarmismo, como a Organización Mundial da Saúde de maneira ben sospeitosa cambiou a definición oficial de “pandemia”, para encaixar ese brote de gripe nese concepto tan alarmista e mediático, e os variados manexos, manipulacións e atentados da poderosísima industria farmacéutica, citando “fallos” nada inocentes de laboratorios como a casa Baxter.

   Os problemas da doutora Forcades foron dous: meterse coas farmacéuticas, dicindo en alta voz o que bastantes só ousaban dicía en voz baixa e, velaí a debilidade fundamental, ser monxa bieita en Montserrat. E, ademais, teóloga feminista. A reacción do “sistema” de poder, foi bastante contundente, cunha contracampaña baseada na descualificación persoal da relixiosa médica. O 1 de novembro de 2009, El País publicou aquel fulminante artigo: “Desmontando a la monja-bulo” . A estratexia de ridiculización da fonte estaba clara: "El mérito de Forcades es que, a pesar o gracias al hábito, parece seria y seguramente actúa con buena intención. (...) Como Mary Poppins, ella también, entre cucharada y cucharada de azúcar, puede hacer comulgar (nunca mejor dicho) con ruedas de molino”. Noutro lugar inscribíase a postura da doutora Forcades no conxunto de “teorías conspiratorias”. Por certo que a reacción fronte a este intento de descualificación por razón de “xénero e condición” –non polo que dicía e argumentaba- foron enormes.

   As farmacéuticas volveron gañar. Venceron sobre todos. Conseguiron que a presión obrigara aos gobernos a forrarse de vacinas, das que seica había que poñer dúas doses. A alarma foi tan disparatada como as ganancias das farmacéuticas en plena crise. Pero a xente, que é menos parva do que parece, non se vacinou en masa e agora, para redondear o déficit público, hai centos de miles de doses sobrantes. En toda Europa.

  Alguén debía pedir desculpas a alguén. 


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: