Amilenko preséntanos un comprometido tema, acompañado dun vídeo clip, sobre a demolición da memoria.
Amilenko
Dende a Coruña chega a quinta achega ao A Polo Ghit 2010. Amilenko retrata un hipotético estado de sitio causado polo caos urbanístico. 'Coruña rabuña!' amosa unha cidade cercada polas obras e demolicións e sitúase nun tempo futuro imaxinario contado en clave de 'nin ciencia nin ficción' nun marco de prevaricación inmobiliaria.
É, ademais, o primeiro dos temas recibidos a concurso que vén acompañado dun vídeo clip, con imaxes reais da demolición dunha casa emblemática na rúa Atocha Alta, no barrio de Monte Alto, onde foron asasinadas pola ditadura franquista persoas vinculadas á República e ao pensamento libertario. A canción de Amilenko pretende lembrar que non se borrará a memoria das súas pegadas mentres sigan prendidos fachos de cultura.
Amilenko adícalles o tema ás persoas anónimas que foron protagonistas da Historia sen entraren nos libros escritos "polos vencedores de batallas absurdas" e morreron con dignidade "a mans de seres indignos" polas súas ideas baseadas na igualdade e na fraternidade.