CIG-Ensino advirte de que até un 26% minguou o número de docentes en labores de apoio, asesoría e formación desde que iniciou xestión a actual consellaría.
Nun momento de aplicación de novos currículos nos centros escolares e de impulso de iniciativas supostamente ambiciosas como o proxecto Abalar, deseñado para a potenciación do uso das novas tecnoloxías nas aulas, paradoxalmente, a Xunta non está reforzando as necesidades de formación continua do profesorado.
Lonxe diso, e tal e como recolle un recente estudo da CIG-Ensino, desde a chegada do PP ao poder o número de docentes adicados a traballos de apoio, asesoría, formación e achega de recursos aos centros educativos reduciuse nun 26%. Unha redución "drástica" na capacidade dos Centros de Formación, Recursos e Servizos Centrais (CFR) que deixa apenas 78 profesionais para atender as necesidades formativas de 30 mil profesores. Por riba, a situación agrávase pola arbitrariedade do Goberno á hora de estabelecer esas prazas, das que un 9% foron cubertas por libre designación, o que segundo a CIG "é mostra de como a consellaría reincide na súa actitude nepotista". "No pasado curso, non houbo convocatoria pública de asesores e debería estar convocada xa a do presente curso", lembran.
Regulamento pendente
Ao fío destes datos, e no treito final do actual curso escolar, a CIG-Ensino recorda que está pendente de desenvolver un novo decreto que regule a formación do profesorado. Aseguran desde o sindicato ter constancia de que a consellaría traballa nesa norma mais sen ter realizado até o de agora consulta ningunha cos representantes do profesorado.
"Unha vez máis, dáselle as costas ao profesorado e non se ten en conta nin a súa opinión nin a súa colaboración", lamentan. Recordan ademais que tampouco se desenvolveu o plan de formación que garanta que todo o profesorado teña coñecementos de aspectos sociolingüísticos do idioma e unha competencia oral e escrita suficiente para comunicarse e para desenvolver a súa actividade profesional en galego.
Esta situación é para a CIG exemplo da "desatención", o "desprezo" e "comportamento caciquil" por parte da Consellaría de Educación. "Levan unha política de recorte en aspectos cruciais para o ensino público, mentres incrementa descaradamente as partidas orzamentarias destinadas ao ensino privado e concertado", denuncian.