Velaí unha das cavilacións de Uxío Novoneyra recordadas por Esperanza Mariño Davila, autora do 'Dicionario Novoneyra'. Vídeo no interior.
"Racharon o xersei enriba da pel do neno, dunha navallada". Insistía o poeta Xoán Xosé Fernández Abella, un dos participantes na recente presentación do 'Dicionario Uxío Novoneyra', en que a autora, Esperanza Mariño Davila, relatase este suceso pouco coñecido da infancia do poeta courelao. Un acontecer da nenez de Novoneyra relacionado coa teimosía dos fascistas contra as prendas de cor vermello como o xersei co que aquel día o vestira súa nai. Unha pegada con fonda marca, ao xeito doutras como foi a morte do veciño Manoel de Ribadaira, sobre quen deixou emocionante escrito.
Mariño Davila realiza neste volume unha aproximación a Uxío Novoneyra coa que trata de reparar tamén en aspectos menos coñecidos da súa biografía nun traballo realizado para a editorial 3C3 con vocación pedagóxica. É nese sentido que o Dicionario inclúe diversos cadros sinópticos, e recursos e actividades concretas propostas para a elaboración co alumnado nas aulas. Tamén salienta este Dicionario Novoneyra que non se enfatiza abondo que Novoneyra "é un grandísimo poeta do amor". E ao tempo chama a afondar noutras calidades do artista: como tradutor, como ceramista, como gravador ou pintor. "Tiña especialmente clara a relación entre pintura e literatura", expón Mariño Davila.
Catedrática de Filoloxía Galego-Portuguesa no IES de Cacheiras, no Concello de Teo, Esperanza Mariño subliña algúns dos aspectos do proxecto vital de Novoneyra, "a solidariedade cos desfavorecidos e a perspectiva a medio camiño entre a elexía polo mundo rural e a denuncia". "Nun principio non tiña asumido aínda que o Courel morría, pero sabía que algo moi grave estaba pasando", comenta a biógrafa. "Esvaécese todo un mundo e o poeta non se resigna porque cre que debemos loitar todos", comenta. Sen militancia concreta malia a súas marcadas convicción políticas, explica a autora que Novoneyra cría na procura da liberdade como ferramenta para converter en realidade as arelas. "Un poeta libre é un poeta útil", sentenciaba.
'Dicionario Uxío Novoneyra', presentación da autora, Esperanza Mariño, o poeta Xoán Xosé Fernández Abella e Antonio Puentes (3c3)