Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Este domingo, ás 11.00 horas

Marcha contra a canteira que ameaza a Serra do Suído, na Rede Natura

Os participantes partirán da estrada forestal que une Bustelos con Ventín. Para facilitar a chegada, sairá un bus desde Mondariz Balneario ás 10.30 horas.

Redacción - 17:25 08/05/2010
Zona onde se localiza o proxecto

Zona onde se localiza o proxecto

A Asociación para a Defensa da Natureza do Condado e a Asemblea do Suído organizan este domingo unha visita guiada a Cotodeira co obxectivo de denunciar o proxecto de canteira da empresa Minor Galicia que ameaza a Serra do Suído. De feito o lema é Subida a Cotodeira, en defensa do patrimonio e da biodiversidade. Fóra canteiras do Suído!

A cita está prevista para as 11.00 horas. Os participantes partirán da estrada forestal que une Bustelos con Ventín. Para facilitar a chegada, un autobús sairá desde Mondariz Blaneario 30 minutos antes. O naturalista Alexandre Cendón e o arqueólogo Alberte Reboreda serán os encargados de guiar a visita.

Entre os lugares polos que se pasará están: o foxo de lobo de Chan da Anduriña, o único dos que se coñecen en Galiza que é duplo e un dos tres que existen no mundo desta categoría; as brañas de monte Maior, incluídas na proposta de ampliación da Rede Natura 2000; e o Coto de Eira, de 884 metros de altura, e desde onde se pode observar o mar e as fracturas naturais da rede fluvial da zona.

Manifesto e glosa da figura de Peinador

Ao finalizar a visita terá lugar a lectura dun manifesto (.pdf/40KB) en defensa dos valores do lugar e a súa inclusión nas figuras de protección ambiental. Logo da comida, haberá unha visita guiada por Mondariz Balneario, e farase unha glosa da figura de Peinador.


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: