Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ADEUS A UN DOS BUQUES INSIGNIA DO BIPARTITO

A Xunta disolverá o Consorcio para crear unha Axencia de Servizos Sociais

O Goberno ten previsto que o cambio se produza cara final de ano e afirma que se manterán os postos laborais. O BNG sospeita que o executivo busca un modelo de relacións clientelares.

Redacción - 18:02 07/05/2010

O Consorcio de Igualdade e Benestar, un dos proxectos estrelas do paso do nacionalismo polo Goberno, desaparecerá cara fin de ano. A Consellaría de Traballo anunciou este venres a creación da Axencia Galega de Servizos Sociais, un ente público que integrará os servizos adscritos ao Consorcio e á Secretaría Xeral de Familia e Benestar. A conselleira Beatriz Mato comprometeuse a manter todos os postos laborais e darlles “máis estabilidade” (convocando un concurso-oposición).

Dende o executivo aseguran que o cambio busca agrupar a “totalidade da atención social pública que se presta en Galiza” e “evitar duplicidades”. A axencia integrará os servizos públicos a infancia e a maiores e irá adoptando progresivamente o resto de sistemas de atención social. Mato subliñou que nos vindeiros días a consellaría vai dar a coñecer o borrador do decreto á Fegamp e aos municipios para que poidan achegar suxerencias.

A conselleira sostén que se remata cun modelo de “chiringuito” e lembrou que o Consorcio fora criticado no pasado polas probas mediante as que foran contratados moitos dos traballadores. Fronte a isto, Mato sinalou que axiña haberá novas bases para o concurso-oposición, onde se terán en conta os méritos da xente xa contratada.

Mais contra o panorama feliz que pintou Beatriz Mato, o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, reiterou que detrás das intencións do Goberno hai unha ansia de privatización e de desmantelamento dos servizos sociais. Así lembrou os despedimentos que se produciron hai cinco meses nas oficinas de Igualdade e Benestar, o abandono dos programas de familia e menores ou a entrada de capital privado na xestión dos centros de día.

Aymerich sinalou tamén que a Lei Galega de Servizos Sociais contempla a creación dunha Axencia como organismo de coordinación, non para suplantar o labor do Consorcio. O deputado nacionalista considera que ao Partido Popular “non lle gusta que a cooperación cos concellos se dea nun marco planificado e estábel, prefire o clientelismo e o reparto arbitrario das axudas e das infraestruturas”.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: