Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ACCIDENTE NA REFINARÍA DE REPSOL

“Os culpábeis terán que asumir as súas responsabilidades”, din os traballadores

O Comité da planta de coque pide a dimisión da dirección, denuncia presións e néganse á apertura da fábrica mentres non se aclare o sinistro.

Isabel G. Couso - 12:05 05/05/2010
Vista aérea de instalacións de Repsol na Coruña

Vista aérea de instalacións de Repsol na Coruña

“Queremos saber cales foron as causas do accidente e iremos até as últimas consecuencias”, di Alberto Ferreiro (CIG), secretario do Comité de Empresa da refinaría de Repsol da Coruña accidentada hai quince días. O sinistro, do que aínda se descoñecen as causas, custou a vida a un operario, Xoán Carlos Sousa, e deixou ferido a outro, Xosé Luís Suárez, quen segue ingresado no Complexo Hospitalario da Coruña con prognóstico moi grave e queimaduras no 70% do seu corpo.

Comisión de Investigación
Os traballadores denuncian que este accidente foi xa “a gota que colmou o vaso da mala xestión da dirección nestes últimos tres anos” e solicitan a súa dimisión. En concreto, despois de referir “o diálogo inexistente que presidiu as relacións laborais até o de agora”, Ferreiro denuncia presións por parte da empresa para volver a sentarse na comisión de investigación formada para esclarecer as causas do accidente na refinaría de coque.

Segundo explica, os traballadores decidiron abandonar a mesa cando Repsol tomou a decisión de reabrir a planta na que se produciu o sinistro, malia descoñecérense aínda os condicionantes que rodearon o accidente. “Ameazáronnos”, afirma Ferreiro, “dicindo que o ían poñer en coñecemento de Madrid, mais non podemos permitir que se peche en falso a investigación nin que se reabra esta área até ter unhas conclusións claras de cales foron as causas do accidente e cales son as medidas preventivas que hai que tomar”.

A Inspección de Traballo decidirá
Os traballadores elaboraron un informe sobre as posíbeis causas do sinistro que xa foi entregado polos delegados de prevención á Inspección de Traballo. Porén, de momento o Comité non o quixo facer público porque Repsol ten tamén que presentar o seu propio informe: “será a Inspección de Traballo quen teña que comparar os dous textos e tirar as súas propias conclusións”, di Ferreiro ao tempo que explica que os traballadores descoñecen como avanza a investigación interna que realiza a empresa.

Pola súa parte, a compañía non ofreceu publicamente ningunha explicación sobre o suceso. A única versión oficial, ofrecida no propio día, foi que o accidente se debeu a “unha deflagración”, mais negou que houbese incendio algún que afectase ás instalacións da refinaría. Despois da celebración dunha concentración de traballadores do cadro de persoal de Repsol e das empresas auxiliares en solidariedade coa familias das vítimas na xornada do martes, os representantes dos traballadores non descartan novas accións de protesta: “o importante é que os culpábeis asuman as súas responsabilidades”, afirma Alberto Ferreiro.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: