Xosé Luís Méndez Ferrín, unha das figuras máis destacadas da literatura galega, acaba de iniciar a súa etapa como presidente da Real Academia Galega. Como ensaísta é autor dun libro fundamental nos nosos estudos literarios, De Pondal a Novoneyra, no que estableceu as liñas básicas de estudos posteriores sobre o poeta do Courel. Nesta entrevista achéganos á poética novoneyriana e aos momentos compartidos co que foi o seu compañeiro en momentos políticos e literarios clave na nosa historia recente.
P. Como é posible que un rapaz no Courel de 1930 chegase ata onde o fixo Novoneyra?
R. Porque era un rapaz do Courel moi especial, era un rapaz rico, que estudou bacharelato, que foi ao instituto a Lugo e que tivo moi bos profesores. Logo foi para Madrid, e frecuentou a facultade de Filosofía e Letras, onde asiste ás clases de literatura de Maldonado de Guevara, Morales Oliver... Xente que sabía, e que hoxe vemos como mediocre, pero naquela época de pouco nivel cultural realmente eran importantes. Ademais, alí encóntrase coa Biblioteca Nacional de Madrid, coa Biblioteca da Facultade de Filosofía e Letras na que, cando el era un rapazote, aínda se cheiraba a República: era unha facultade contruída de forma racionalista durante o período republicano no que aínda sobrevivía a escola de Menéndez Pidal, Dámaso Alonso, Lapesa... Polo tanto, Novoneyra enseguida se encontra con fontes coma a revista Occidente... E os libros, claro: todos os libros en lingua castelá estaban en Madrid.
P. Que relación tivo en Madrid co grupo Brais Pinto?
R. Novoneyra chegou a Madrid cando o grupo Brais Pinto estaba disolto, dispersado pola vida. De todas maneiras, mantivo relación cos membros que quedaran alí: por un lado estaba Reimundo Patiño, ao que o unía unha amizade moi profunda, unha identificacion dende o punto de vista artístico e ideolóxico moi grande; polo outro, Herminio Barreiro, co cal tamén se identificou de forma moi especial no aspecto político. Hai que ter en conta que Novoneyra non é ese ser anxelical que vibraba coa natureza, unha especie de místico para algúns. Non, Novoneyra era un home con profundo compromiso político persoal, e por esta razón se identificou con eles. Eu coincidín con eles naquela epoca porque estaba facendo oposicións ao instituto, e tiven unha etapa en Madrid de novo. Novoneyra tiña unha grande relación connosco, pero tamén con persoas destacadas da esquerda realmente actuante na oposición en Madrid, e con persoas da arte e literatura.
P. E moitos deles coincidían no Café Gijón, non si?
R. Si, porque o Café Gijón era unha especie de praza maior na que concorrían xentes da arte e da cultura dos máis diversos tipos. Un podía ter sentado á esquerda a Buero Vallejo, á dereita a Laxeiro e enfronte a Francisco Umbral, que daquela chegaba o Café Gijón, por dicir uns nomes ben coñecidos.
P.Cal foi a recepción do libro Os Eidos no ano 1955?
R.Tivo éxito e foi visto como unha especie de revelación dunha nova xeración poética. Ademais, fíxolle un prólogo Ramón Piñeiro, que era o xefe da fracción política que gobernaba a editorial Galaxia e tamén foi moi ben visto por Ramón Otero Pedrayo, que naquel momento exercía como verdadeiro líder espiritual unha vez morto Castelao. Si, tivo unha magnífica recepción.
P. E que lle valoraron?
R. Coido que a tradición, falsamente, porque el non foi ben lido. Se lle tivesen en conta a ruptura poderíalle ocorrer o lle aconteceu por eses mesmos anos a Gonzalo Rodríguez Mourullo: o grupo Galaxia -encabezado por Carballo Calero neste caso- négalle a validez porque se considera que é un traidor a tradición. No grupo Galaxia eran moi conservadores e Carballo Calero máis. Pero iso non ocorreu e foi celebrado e aceptado.
P. Cre que o éxito de Os eidos provocou unha visión reducionista de toda a obra de Novoneyra?
R. Mira, cando publica Os eidos está moi influenciado pola filosofía de Martin Heidegger que el estudara. Novoneyra era un home de pensamento ademais dun poeta, e cría que a través da poesía se podía chegar a un tipo de coñecemento -nese sentido foi sempre un pouco heideggeriano. Tamén daquela entra en contacto coa filosofía da saudade de Ramón Piñeiro, de feito hai uns poemas de Os eidos que son claramente exemplificacións desa tendencia. Naturalmente, el non permaneceu nesa onda da saudade, senon que estrangulou a saudade como fixemos todos os da nosa xeración e pasou a crer na praxe, na acción. Pero, á parte de Os eidos, hai outros momentos de Novoneyra, coma cando en pleno fragor da guerra do Vietnam -que coincide coa aparición na escena política da Unión do Pobo Galego- el escribe o “Vietnam Canto”, e ese é un poema-manifesto que supón a vacina contra todo reducionismo: e ese é o Novoneyra político.
P. Vostede escribiu un ensaio titulado De Pondal a Novoneyra, dous autores que comparten ideas básicas no seu modo de entender a poesía.
R. Eu quixen poñelos coma dous marcos que supoñen un compromiso político nacional profundo e ao mesmo tempo unha ruptura coa tradición retórica da época. Pondal supón unha ruptura coa poesía decimonónica, e unha presentación en galego da liña parnasiana ou da liña finisecular, un novo esteticismo, pero profundamente nacional. Novoneyra, algo semellante: el con quen rompe é coa poesía política de inspiración españolista, a chamada socialrrealista, pero non rompe de cara ao esteticismo, senón cara a unha poesía máis política, máis revolucionaria, máis nacionalista. Nese sentido, cada un ao seu xeito, marcan unha inflexión na historia da poesía galega.
P. Unha das facetas que sempre se destaca en Novoneyra é a súa capacidade como recitador de poesía propia e allea.
Si, tiña unha forma de dicir a poesía absolutamente orixinal e inimitable; calquera que o imitase faría o ridículo, porque era enfático, excesivo, buscaba os efectos sonoros e xestuais... Era un magnífico rapsodo e resultaba impresionante oírlle dicir o seu repertorio de poesía trobadoresca medieval. Os da nosa xeración coñecemos moi ben a poesía trobarodesca a través da antoloxía de Xosé María Álvarez Blázquez Escolma de poesía galega. Novoneyra fixo a súa propia escolma de poetas e poemas a partir desa obra, de maneira que hai trobadores que pasaban bastante desapercibidos aos filólogos aos que el sacou do pozo sen fondo dos cancioneiros reinterpretándoos coa súa voz.
P. Novoneyra volvía sempre sobre os seus textos nunha recreación constante. É por esta razón pola que a súa obra non é moi extensa?
R. Era moi responsable coa súa propia poesía e estaba continuamente remoéndoa. El tiña unha idea da poesía como verdade, a mesma idea que tiña Luís Pimentel: a poesía é a gran verdade do mundo. Era un anti-Pessoa, que sostiña todo o contrario, que un poeta é un finxidor; Novoneyra é dos que crían que un poeta, se é poeta, é verdade. Polo tanto, non pode estar publicando moitos libros porque iso non ten nada que ver coa poesía. El vai producindo moi lentamente, non ten ansia de publicar libros, nin interese por facer un catálogo de publicacións e, de feito, Novoneyra é autor de moi poucos obras.
P. Como era Uxío Novoneyra no trato cotián?
R. Era unha persoa moi confidente, moi intimista no trato, moi agarimoso con todo o mundo... Falaba moito, era un conversador incansable: a nós deunos moitas veces o sol do amencer camiñando por Madrid, por Santiago, por Vigo... Era un home de moitas relacións humanas e con moitos amigos.
---
A obra de Uxío Novoneyra