Representantes de diferentes colectivos participaron en Cerceda nunha xornada contra a mudanza climática.
Activistas de diferentes grupos ecoloxistas galegos fixeron parada na tarde deste sábado en Cerceda para participar na 'Andaina polo clima'. Até o municipio da comarca ordense achegáronse varias ducias de persoas que quixeron chamar a atención sobre a necesidade de viraxes na política enerxética para loitar contra a mudanza climática.
A marcha tivo lugar polas parroquias de Meirama e das Encrobas onde está situada a central térmica de Gas Natural-Fenosa e a incineradora de Sogama. No acto, que tivo unha importante compoñente festiva, non faltou o humor e incluso chegaron a pechar a entrada principal da central térmica cun candado de papel.
Ao remate do mesmo a escritora Teresa Moure leu o seguinte comunicado:
O clima non está a venda!
O exceso de contaminación e a sobrexplotación dos recursos naturais provocaron unha crise ecolóxica planetaria da que a mudanza climática é a manifestación máis preocupante. Galiza é corresponsábel deste grave problema socioambiental, causado principalmente polo sobreconsumo de petróleo, carbón e gas natural. As nosas emisións por habitante de gases de invernadoiro causantes do cambio climático son moi altas. Non resulta sorprendente, se consideramos a localización no noso país de grandes industrias emisoras, o uso masivo do coche e do camión, a incineración e o vertido da maior parte do lixo ou o retroceso da agricultura labrega.
O fracaso do Cumio de Copenhague non nos desanima. Por iso, con motivo do Día da Terra, volvemos defender un modelo económico baseado no aforro e na eficiencia enerxética, as enerxías renovábeis e o emprego verde, afastado do produtivismo e do consumismo, que torne a nosa pegada ecolóxica sustentable.
Queremos un tratado climático internacional xusto, vinculante e ambicioso capaz de prevenir unha mudanza climática catastrófica. Demandamos da Xunta e dos demais poderes públicos a aplicación urgente de políticas coherentes con este obxectivo, que posibiliten unha redución mínima do 30% das emisións galegas de gases de invernadoiro en 2020 a respecto de 1990. É unha obriga moral e tamén unha oportunidade para mellorarmos as nosas vidas.
Rexeitamos falsas solucións contra a crise climática, como a enerxía nuclear ou os agrocombustíbeis insustentábeis, e reivindicamos:
-O peche das centrais térmicas de carbón e un Plan Energético que decreza o consumo de enerxía e procure canto antes o abastecemento do 100% das nosas necesidades enerxéticas con fontes renovábeis.
-Unha moratoria da construción de novas autovías e autoestradas e na ampliación dos aeroportos e un Plan Director de Transporte e Infraestruturas que potencie os modos de transporte sustentábeis (marcha a pé, bicicleta, tren convencional,…).
-Unha aposta forte pola soberanía alimentar, estimulando a produción e o consumo locais de alimentos de agricultura ecolóxica e labrega.
-O peche da incineradora de SOGAMA e o impulso dunha política de residuos urbanos que priorice a redución e cree unha rede de plantas comarcais de reciclaxe e compostaxe.