A Xunta anuncia un plan de racionalización que supón "suprimir ou agrupar tres de cada catro organismos analizados".
O presidente da Xunta e o conselleiro de Presidencia á saída do Consello da Xunta este xoves
Non houbo asomo de autocrítica este xoves na intervención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, á hora de confirmar que o seu goberno pretende levar adiante un "plan de racionalización" que na práctica implicaría a supresión ou agrupamento de tres de cada catro organismos da chamada "administración paralela" do executivo.
O equipo de Núñez Feijoo xa prometera o pasado verán que antes de que rematase 2009 presentaría un informe da situación, en resposta ás recomendacións que ao respecto realizou o Consello de Contas. Trátase na práctica de arredor de 150 organismos, un bo feixe deles popularmente bautizados como 'chiringuitos', e a maioría abrollados durante a longa etapa de Manuel Fraga á fronte do Goberno. A propia coalición de socialistas e nacionalistas incluíra o desafío desa racionalización no seu programa conxunto para a anterior lexislatura, aínda que finalmente o propio bipartito foi acusado de faltar a ese compromiso e erguer novas estruturas argumentando maior eficacia na xestión.
"Primeira fase de adelgazamento"
"Hoxe sabemos que estamos nun momento difícil no que o goberno central nos impón un recorte de 200 millóns de euros; pois hoxe a Xunta de Galicia volve a comezar por recortarse a si mesma, ao seu gasto de funcionamento", expuxo Feijoo á saída do Consello de Goberno.
Á súa beira compareceu o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Afonso Rueda, quen asegurou que se aplicará un plan "obxectivo, serio e rigoroso" e indicou que "non busca o aforro polo aforro" senón "ser eficientes". Nese sentido, salientou que o proxecto incluirá propostas de mellora para os organismos que non sexan eliminados nin integrados noutros e que haberá unha comisión de seguimento que supervise o proceso.
Recordámoslles que o Consello de Contas destacara que, visto o descontrol de moitos dos organismos da administración paralela da Xunta, o executivo debería acometer unha lei que definise e sistematizase o modelo de sector público que o país necesita antes de proceder á poda do actual organigrama.