Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NA CAPELA

A Fiscalía denuncia a Endesa por secar o río Eume

É a primeira vez que se inicia un proceso penal no Estado Español pola captación abusiva de augas e o desecamento dun curso fluvial.

Redacción - 13:00 22/04/2010
Pantano da Ribeira, no Eume

Pantano da Ribeira, no Eume

A Fiscalía de Medio Ambiente denunciou a Endesa por un presunto delito contra o medio ambiente e os recursos naturais polos danos causados polo encoro que a empresa eléctrica ten no río Eume, ao seu paso polo concello da Capela. É o primeiro proceso penal aberto no Estado Español contra unha hidroeléctrica por unha captación abusiva e augas e a desecamento dun río, co agravante de que a zona afectada se atopa no Lugar de Interese Comunitario (LIC) das Fragas do Eume, parque natural amparado pola Directiva Europea de Hábitats.

No seu escrito, o fiscal especializado en delitos contra o medio ambiente afirma que “dende hai 50 anos un tramo do río Eume non recibe unha achega constante de auga para garantir a vida e o ecosistema”, do que acusa ao embalse. A querela partiu dunha denuncia do colectivo Ríos con Vida, quen alertaron da seca do curso fluvial. Agora, a Fiscalía trasladou a denuncia aos xulgados de Ferrol para que abra un proceso penal contra os directivos de Endesa S.A. E Endesa Generación S.A., responsábeis de manter completamente seco o tramo de 3,4 quilómetros do Eume dende 1960, sen o caudal ecolóxico que exixe a Lei de Pesca Fluvial de Galiza (de 1992).

Antecedentes
O encoro, construído en 1953 cunha concesión outorgada polo franquismo, foi mercado por Unión Fenosa en 1985 e dende o 2001 é explotado por Endesa. Nunha resposta á Fiscalía, a eléctrica argumentou que a súa concesión non lle exixía manter un caudal mínimo e que nunca tivo constancia, “nin por si mesma nin por parte de ningunha Administración pública, da existencia de danos ambientais no tramo do Eume”. Ademais, afirma que “de xeito voluntario”, realiza unha solta de caudal mínimo en dous puntos do salto. Porén, a Xunta contradí este extremo e confirma que, nos últimos 50 anos, non ten constancia de solta de caudal ecolóxico ningunha.

Seguintes pasos
O fiscal pide ao xuíz instrutor que inicie as dilixencias procesais para saber quen foron os responsábeis da compañía eléctrica, tanto os actuais como os anteriores, que se ocuparon da xestión do encoro. O delito ecolóxico do que estarían acusados está castigado con penas que van dende os seis meses até os catro anos de prisión e multas que se estabelecerían en función das súas consecuencias.

A fiscalía estabelece ademais que existe un posíbel ilícito penal que se remonta, dunha banda, até a aprobación da lei de 1992 e, da outra, á data na que Endesa Generación S.A. acadou a concesión, en 2001. Tamén solicita un informe da Comisión Nacional da Enerxía no que se cuantifique que electricidade puido producir a présa grazas ao caudal ecolóxico que non se achegou ao tramo desecado e, conforme a esa produción, se valore a prezos medios anuais do mercado, un cálculo de canto puido enriquecerse Endesa co prexuízo do Eume.


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: