O voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, tira de retranca para denunciar a falta de pluralismo na TVG e pídelle a Feijoo máis transparencia democrática en todos os eidos.
O presidente Núñez Feijo ten unha visión “sui generis” do que no seu día chamou “rexeneración democrática”. Isto é o que pensa polo menos o voceiro do Bloque no Parlamento. Aymerich aproveitou unha comparecencia diante dos medios para denunciar que o pluralismo democrático minguou co novo goberno. Un exemplo posto polo nacionalista son os debates políticos na televisión pública. Así sinalou que o antigo programa de “Hai debate” foi substituído polo que, segundo Aymerich, é coñecido popularmente como o “Foro Alberto” (en referencia incisiva ao programa Foro Aberto).
Mais dende o Bloque tamén lle botan en cara a Feijoo que non pida responsabilidades políticas a cargos seus imputados xudicialmente como é o caso do conselleiro de Medio Ambiente; do delegado da Xunta en Ourense; ou da directora xeral de Formación e Colocación (condenada por despedir irregularmente a unha empregada doméstica).
O BNG considera que o presidente da Xunta non pode ir dar a Madrid leccións de ética en Galiza mentres non explique porque mantivo a Pablo Crespo no consello de Portos de Galicia na súa etapa como conselleiro. Tamén lle pide que fale das empresas relacionadas coa trama Gürtel e que traballaron para a Xunta.