Darío Xohán Cabana reflexiona sobre a necesidade dun bo servizo postal público.
Darío Xohán Cabana
Darío Xohán Cabana é un nome que non precisa máis presentación dentro da literatura galega. Mais este recoñecido escritor tivo moitos oficios na vida antes de rematar de funcionario no Concello de Lugo, un deles foi o de carteiro. Por iso, nun momento no que se volve a debater sobre o futuro de Correos, Cabana fai unha reflexión que nós collemos da rede polo seu interese e reproducimos aquí:
Eu vivo nunha parroquia do Concello de Lugo que se chama Romeán, a dez quilómetros da capital. Cando me mandan unha carta ou un paquete por unha desas axencias de transportes que chaman mensaxerías, ás veces recíboo ben, pero a miúdo teño problemas. Ás veces entréganmo tres ou catro días despois, cando o contrato os obrigaba a entregarmo no día seguinte. Ás veces lévano primeiro a Outeiro de Rei ou ó Corgo, e despois chaman por teléfono preguntando onde é Romeán. Romeán é un topónimo único en Galicia, e a parroquia existe dende hai máis de mil anos, pero eles non saben nin onde está. Algunhas veces incluso me reñeron por vivir nun lugar tan recóndito. Romeán aparece no Nomenclátor de Galicia, nos mapas de escala 1:250.000, en todos os atlas de Galicia, na maioría dos atlas de España, nas catro enciclopedias galegas alfabéticas, na web do Concello de Lugo e nunha chea de sitios en Google, pero eles seguen sen saber onde está. Romeán ten un código postal, o 27141, pero ás veces eles usan programas informáticos onde non sae ese número. E réñenme a min, que vivo nunha parroquia milenaria e nunha casa que ten bastante máis dun século de existencia.
Ás veces nin sequera me chaman, e deixan durmir o paquete nos seus almacéns. Algunha vez tiven sorte e localiceino varios meses despois, cuberto de pó, nunha nave do Ceao. Outras veces supoño que se perderían definitivamente. Son empresas privadas, e está de moda dicir que as empresas privadas funcionan ben. Funcionan cando lles convén, ou cando saben e non lles custa moito traballo.
Isto non me pasa nunca con Correos, que é unha empresa pública e que funciona ben sempre, convéñalle ou non. Correos sempre sabe onde vivo, e as cousas chéganme sempre aínda que lles custe traballo ós seus funcionarios. Ós seus traballadores. Se tal día coma hoxe pola mañá poñen en Vigo unha carta pra min, eu sei que mañá a vou recibir. Traima a carteira, que é unha funcionaria. Chega co seu coche por unha corredoira non moi boa, pero perfectamente practicable pra min e pra ela, e déixama no buzón. E se é certificada peta á porta e entrégaa, con palabras sempre corteses e sen protestar porque vivamos nunha aldea.
Correos é patrimonio de todos. Correos mantén as comunicacións incluso onde non é rendible o reparto. Correos é un verdadeiro servizo, e os carteiros e as carteiras rurais fan que nosoutros, os aldeáns, vivamos no mundo. Todos temos que defender Correos e todos temos que apoiar os traballadores de Correos contra a mercantilización do servizo; pero máis aínda ca ninguén temos que defendelos os galegos que vivimos nas aldeas, pois sen eles, sen o seu traballo constante e entregado, quedariamos case coma illados, case fóra da corrente principal da vida moderna. De cada pouco andan falando de empeorar o servizo de cartería rural, con ideas peregrinas propias de persoas que ignoran ou queren ignorar a peculiar estrutura da poboación galega, o que é entre nós unha parroquia, un lugar, unha aldea. Non o podemos permitir, e por iso debemos apoiar a loita dos traballadores de Correos por manter esa extraordinaria estrutura de servizo público que iguala o habitante da aldea co habitante da cidade. E debemos apreciar e louvar e chufar o seu traballo, e pedirlles ós que nos envían cartas que usen sempre Correos, o servizo público, a empresa de todos, o patrimonio común, estatal, valiosísimo. E de camiño, debemos pedir tamén que lles paguen un pouco mellor por un traballo que vale máis do que xeralmente se recoñece, pois é un alicerce fundamental da vida civilizada.