O fiscal solicitou dous anos de cárcere e seis mil euros de multa para tres membros dos Comités acusados de 'coacción' e 'atentado contra a autoridade'.
Marcha do 19 de novembro de 2008
"Rascadelas nos cotenos" e "cortes nos maimiños". Este é o parte médico presentado no xulgado polos axentes de Policía que o 19 de novembro de 2008 disolveron unha concentración estudantil contra o Plan Boloña fronte á subdelegación do goberno español en Lugo. O tratamento para estas feridas inclúe "lavar as mans con auga e xabón" e "Termalgin (paracetamol) en caso de dor".
Tres alumnos foron xulgados este luns por cargos de 'coacción' e 'atentado á autoridade' a raíz daqueles incidentes. O segundo dos cargos, polas supostas agresións recibidas por parte dos policías; o primeiro, por "secuestro de persoas públicas" dado que algúns dos manifestantes se encadearon simbolicamente á porta frontal do edificio. Unha porta que, no entanto, permanece inutilizada durante a semana.
Segundo explica Marcos Loureiro, responsábel a nivel nacional da sección universitaria dos Comités -organización estudantil da que son membros os tres alumnos xulgados-, a manifestación daquel día, fóra dunha pequena modificación do percorrido previsto, desenvolveuse con "absoluta normalidade", partindo do campus até chegar á praza da subdelegación do goberno español, no centro da cidade.
Foi alí -relata-, antes sequera de que se dese por finalizada a lectura dun manifesto a prol dunha universidade pública e allea á influencia de empresas e multinacionais, que os axentes sacaron as súas porras extensíbeis e "comezaron a mallar nos compañeiros". Tamén contra os que estaban encadeados de xeito simbólico. Tamén contra un cámara de TeleLugo que gravaba os sucesos. Os policías implicados declararon pola súa banda que foran agredidos cando tentaron cortar as cadeas.
Concentración de apoio
Antón Castro Ferreiro, responsábel dos Comités no Campus de Lugo e un dos encausados, confía na libre absolución. "Certo é que a Policía conta coa presunción de veracidade, que a súa palabra vale tanto como unha proba. Mais é que nós presentamos moitas probas, e eles entraron en moitas contradicións", sinalaba pouco despois de saír do xuízo, "bastante largo", e onde o fiscal confirmou a petición de dous anos de cárcere e seis mil euros de multa para cada un dos acusados.
Marcos Loureiro destacou ao respecto o importante número de persoas que se concentrou á porta dos xulgados en mostra de apoio, a maioría alumnado universitario, "e non só dos Comités". Ademais, recordou que desde a organización editaron bonos de axuda de dous euros para colaborar tamén economicamente nos custes do proceso. A sentenza coñecerase aproximadamente nun mes.