O conselleiro Alfonso Rueda e o seu homólogo castelán trasladaranlle á administración lusa a idea dunha alianza "plurirrexional" para xestionar fondos europeos.
Afonso Rueda, conselleiro de Presidencia da Xunta, e José Antonio de Santiago, conselleiro da Junta de Castela e León
Facilitar os procedementos de acceso a recursos económicos da Unión Europea é o eixo prioritario sobre o que este luns debateron o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Presidencia de Castela e León, José Antonio de Santiago- Juárez. Nun encontro en Valladolido anunciaron a idea de crear unha macrorrexión co Norte de Portugal e aseguraron que a iniciativa xa lle fora suxerida á administración portuguesa e que esta amosara interese por profundizar nela.
Nesa liña, destacaron os representantes políticos de Xunta e Junta que a UE favorece este tipo de alianzas "plurirrexionais" á hora de fornecer de financiamento para proxectos considerados transfronteirizos. De xeito específico, o conselleiro galego salientou como obxectivo do acordo a coordinación e potenciación dos esforzos das institucións implicadas "para negociar a atribución de fondos europeos cara a fronteira das dúas comunidades autónomas con Portugal nos futuros marcos financeiros comunitarios". Á hora de concretar iniciativas posíbeis, os representantes dos gobernos de Galiza e a comunidade autónoma de Castela e León referíronse ao deseño dun proxecto de colaboración no eido das emerxencias. Trataríase dun programa transfronteirizo "de impulso dos recursos materiais e humanos a disposición dos servizos de emerxencia das zonas implicadas, para levar a cabo unha actuación conxunta e coordinada dos servizos de intervención e resposta ante as emerxencias".
O outro eixo destacado foi o ámbito industrial, explicando os respectivos conselleiros a importancia do intercambio de experiencias entre Galiza, Castela e León e o Norte de Portugal en materia de automoción. Por outro lado, falaron tamén da posibilidade de uniren esforzos no plano educativo, especialmente no que lle toca ás universidades e o intercambio de experiencias e a realización de programas conxuntos no terreo da investigación científica e tecnolóxica. E por último falaron tamén da meta de compartir experiencias e proxectos de promoción entre Galiza, Castela e León e Portugal, así como desenvolver actividades de dinamización socioeconómica e cultural nas poboacións fronteirizas.