O ministerio público presenta denuncia penal contra Álvarez-Campana Gallo, ex director xeral de Avaliación Ambiental e actual presidente de Portos de Galicia.
En outubro de 2009 o TSXG decidía anular a Declaración de Impacto Ambiental positiva que concedera o goberno Fraga, cando xa estaba en funcións logo de ter perdido a maioría absoluta nas urnas, para unha piscifactoría en Rinlo (Ribadeo). Agora, seis meses despois sábese que a Fiscalía de Medio Ambiente do mesmo tribunal vai pedir o procesamento penal do que era naquel momento director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Xosé Manuel Álvarez-Campana Gallo, que agora ocupa o posto de presidente do organismo autonómico Portos de Galiza.
O ministerio público considera que hai indicios de delitos de prevaricación ambiental e urbanística, xa que o ex alto cargo achanzoulle o camiño ao proxecto empresarial atendendo a “intereses económicos alleos” a pesar de que a zona estaba dentro da Rede Natura.
Dende Adega, colectivo ecoloxista que levou aos tribunais o acontecido dende un primeiro momento, aplauden a “valente actuación” do fiscal para rematar cos tratos de favor dalgúns políticos a prol de determinadas empresas. Dende Adega alertan de co novo goberno pode estar a pasar o mesmo coa modificación da Lei do Solo ou coa flexibilidade na nova Lei Eólica. Os ecoloxistas advirten que levarán aos tribunais calquera actuación que non responda aos intereses públicos xerais.