As primeiras conclusións apuntan que o novo lector portátil de Apple, xa á venda nos EUA, se enfocou cara a un usuario consumista e non disposto a compartir.
Steve Jobs, na presentación do iPad
O lanzamento a pasada fin de semana do iPad, o novo trebello de Apple, ao mercado estadounidense fixo furor na rede. Aínda que o dispositivo móbil, do que se dixo que ía revolucionar a relación entre o usuario e a rede, non chegará a Galiza polo momento, e non transcendeu que ninguén do país posúa un, xa hai reaccións dos 'gurús' dos tarecos.
O uso do iPad como lector electrónico de libros e revistas, a pesar de ter unha pantalla que emite luz en vez de reflectila, comézase a perfilar como unha das súas principais aplicacións. Neste senso, Enrique Dans asegura no seu blog que o enfoque que lle están a dar as editoras tradicionais ao iPad demostra que están moi trabucados e que non entenden o novo medio. Polo momento, algunhas das ofertas para o lector de Apple son caras -mesmo máis ca en papel- e sen interactividade nin funcións sociais. Pon como exemplos as edicións de Time ou do Wall Street Journal., cuxos editores "pensan que o feito de mercar un iPad te converte nun idiota con cartos".
De feito, Dans apunta que o iPad permite acceder aos mesmos contidos a menor prezo, ou mesmo de balde, a través do seu navegador. Tamén recoñece o esforzo doutras compañías que apostan por mellores solucións de negocio para explotar as posibilidades do aparato.
Manuel Gago xa falou, días antes do lanzamento do produto, das posibilidades desaproveitadas do iPad. Así, tamén analiza as propostas editoriais para o lector de Apple e chega á conclusión de que non fan máis que reproducir, de xeito dixital, os mesmos esquemas dos que xa dispoñen as edicións en papel, engadindo, iso si, posibilidades multimedia. Conclúe, ademais, que as edicións web deses mesmos medios son máis revolucionarias cás previstas para o iPad, polo que reproduce o concepto expresado por Juan Varela de "revolución conservadora".
Precisamente, Varela conclúe que o iPad é un produto "só para hiperconsumidores" e, concretamente, xente que non pensa producir nin compartir os seus contidos. Afirma que conseguiu que os ebooks e os xornais dixitais aumentasen de prezo e que os provedores controlen totalmente o que os consumidores fan cos seus contidos, a través das aplicacións. Contribúe, ademais, a perpetuar o copyright tradicional fronte ás licenzas abertas. Conclúe: "o iPad chega sen pecado orixinal. Se no principio da web todo se converteu en gratuíto, no novo aparato de Apple todo está deseñado para un negocio".
Tamén vai repasando novidades arredor do sector editorial e o iPad Tati Mancebo. No seu blog, recolle a intención de Amazon, que posúe o lector de libros electrónicos Kindle, de impedir a comercialización directa dos seus produtos no iPad, o que acabará por obrigar os seus usuarios a mercar na tenda de Apple, e non na de Amazon.
En calquera caso, as persoas máis ávidas de novas tecnoloxías terán que agardar até finais de abril para poder ter nas súas mans o iPad... se é que paga a pena, finalmente.