A querela foi interposta hai un ano polo sindicato ultra Manos Limpias, e adheríronse logo Libertad e Identidad e Falange Española de las JONS.
O xuíz Baltasar Garzón
O maxistrado Luciano Varela resolveu a transformación en procedemento abreviado da causa que se segue no Tribunal Supremo contra o xuíz da Audiencia Nacional Baltasar Garzón por un suposto delito de prevaricación que cometería ao investigar as desaparicións durante o franquismo.
Na práctica isto significa que o maxistrado será finalmente sentado no banco e xulgado por estes feitos. A querela, admitida a trámite en maio de 2009, foi interposta polo sindicato ultradereitista Manos Limpias. Posteriormente adheríronse a asociación Libertad e Identidad e tamén Falange Española de las JONS. Garzón enfróntase a unha posíbel condena de multa e inhabilitación.
A resolución dada a coñecer esta cuarta feira supón o final da fase de instrución da primeira das tres causas que ten abertas. As outras dúas causas investigan posíbeis condutas delituosas do xuíz relacionadas cos cobros que obtivo durante a organización duns cursos en Nova York e por intervir comunicacións de imputados no "caso Gürtel" cos seus avogados en prisión.