Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INCIDENTE NA COSTA DA MORTE

O alcalde de Camariñas prohibe unha recollida de sinaturas de 'Queremos Galego'

O rexedor socialista de Camariñas, Alonso de León, ordenoulle á Policía Local que vetase un acto organizado pola plataforma na vía pública.

Redacción - 14:10 05/04/2010

A sección da plataforma 'Queremos Galego' en Bergantiños-Costa da Morte está en pé de guerra co alcalde de Camariñas, Manuel Valeriano Alonso de León. O conflito comezou o pasado xoves, cando tres axentes da Policía Local prohibiron que membros do colectivo a prol da lingua recollesen sinaturas a poucos metros da exposición do encaixe de Camariñas.

O responsábel local do BNG, Manuel Camiño, censurou a actitude do rexedor socialista e pediu unha súa rectificación pública. Segundo explica Camiño, os membros de 'Queremos Galego' tiñan comunicado por escrito que ían poñer unha mesa na rúa para recadar sinaturas a prol da normalización lingüística.

Cando levaban uns minutos coa mesa montada, os axentes locais de Camariñas achegáronse ao lugar e explicáronlle que tiñan que deixar de recoller sinaturas porque non o permitía 'Pichurri', alcume polo que é coñecido popularmente o rexedor. Segundo explica Camiño, a actitude dos policías foi “amábel” e incluso mostraron verbalmente o seu apoio á campaña.

Dende o BNG de Camariñas cren que a actitude do alcalde amosa a pouca sensibilidade de cara o problema que vive o galego e o escaso respecto a un acto tan normal como pode ser unha recollida de sinaturas.

Alonso de León accedeu á Alcaldía en 2007 para substitír a un seu compañeiro de partido, Bautista Santos, que levaba de rexedor dende 1983. Na actualidade a corporación deste municipio de pouco máis de 6.200 veciños está composta por oito edís do PSdG e cinco do PPdeG.


4,61/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: