Desde SOS Courel salientan a idoneidade deste hábitat para o animal, de onde case se cría extinguido, e aproveitan para reclamar a protección.
Entre os estremos do paraugas, pode observarse a lonxitude entre as pegadas dun oso
Durante varios quilómetros e nunha pista de terra que comunica dúas devesas da Serra do Courel, entre os concellos do Cebreiro e do Courel, apareceron estes días pegadas de oso. Así o avisaron veciños de Froxán que visitaban un faial da zona e quedaron sorprendidos coa identificación dos sinais do paso do animal nunha pista abrandada pola neve do inverno.
Tal e como difunden agora desde a plataforma SOS Courel, malia as abundantes choivas que as foron borrando, son aínda perfectamente recoñecíbeis. Guillermo Palomero, presidente da Fundación Oso Pardo, confirmou xa a veracidade das pegadas. "Está claro que a medida que aumenta a poboación de osos na Cordilleira Cantábrica, o oso vai aumentar a súa presencia na Serra do Courel, o mellor e único hábitat, para o plantígrado en todo o territorio galego", defenden.
Desde o colectivo resínanse a que a Xunta "non vai declarar nunca a serra como zona de protección do oso pardo". "Por razóns ben coñecidas, a Xunta de Galicia vai seguir destruíndo o Courel de xeito criminal como leva feito sen interrupción dende que apareceu o regalo dos Fondos Europeos", denuncian. "E volverán dicir, a Xunta, que o oso chegou o Courel extraviado, que se vai marchar moi pronto, porque non ten que comer, que no Courel non ten futuro", quéixanse. "E seguirán os buldócers destruíndo centos de hectáreas de arandeiras e substituíndoas por pirófitas sen froito, mentres as devesas e os soutos cada vez ocupan menos terra, e desaparecen os prados de todas as ribeiras, comidos polos piñeirais", láianse, recordando algunhas das denuncias recentes difundidas pola propia asociación veciñal.