O voceiro nacional do BNG recorda que a súa formación levaba esixindo desde o verán de 2009 que a Xunta presente recurso contra o FROB.
"Quero lembrar que isto non exime de responsabilidades políticas aos deputados galegos do PP que no Congreso votaron afirmativamente á convalidación deste decreto conxuntamente co PSOE e quero lembrar que o BNG dende o principio denunciou o FROB por invadir claramente competencias exclusivas da Comunidade Autónoma". Así valorou o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, a decisión da Xunta de presentar recurso de inconstitucionalidade ao Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB).
"Máis vale tarde ca nunca", resolveu Vázquez logo de coñecerse o anuncio, laiándose de que a Xunta non tomase antes a decisión. "O señor Feijoo só acerta cando nos segue", chanceou o portavoz do Bloque, lembrando a carta recente na que os nacionalistas convidaban o presidente a dar por concluídas as negociacións co representante do goberno español e esixise entrevista con Rodríguez Zapatero.