Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
ANUNCIO DE CORINA PORRO

O Porto de Vigo converterá unha nave de redeiras en restaurantes de luxo

Transformarase nun centro de ocio de 2.250 metros cadrados, custará 1,8 millóns de euros e pretende ser “compatíbel coa descarga do peixe”.

Redacción - 18:14 17/03/2010

Sete restaurantes de luxo e con vistas a ría. Este será o destino da nave de redeiras situada ao inicio dos peiraos pesqueiros do Berbés, na denominada dársena dous. O Porto de Vigo transformará o local nun centro de ocio de 2.250 metros cadrados e a súa presidenta, Corina Porro, xa adiantou que o obxectivo é “facer a actividade lúdica compatíbel coa descarga de peixe, xa que as embarcacións seguirán utilizando a zona máis próxima ao mar”.

O proxecto ten un prazo de execución de seis meses e conta cun orzamento inicial de 1,8 millóns de euros e, segundo Porro, a súa licitación efectuarase de xeito inmediato, xa que xa recibiu o visto bo dos técnicos portuarios. Segundo explicou a presidenta da Autoridade Portuaria, o proxecto xa estaba planificado no momento en que asumiu o cargo, se ben tivo que volver a negocialo coa Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), con quen se comprometeu a que a actividade pesqueira que se desenvolve no porto non se vexa afectada.

Nova imaxe para os “cruceiristas”
Neste plan tamén se integrará o proxecto de adecuación das explanadas do porto de transatlánticos, co obxectivo de ofrecer “unha maior e mellor oferta aos visitantes que cheguen en cruceiro á cidade”. Neste punto incidiu asemade Corina Porro, quen subliñou que o conxunto ofrecerá “unha nova imaxe” aos viaxeiros de cruceiros e destacou que as últimas estatísticas sitúan a Vigo como líder na captación deste tipo de turistas dentro do Norte-Noroeste da península.

O novo centro de ocio xa foi deseñado polo arquitecto vigués Xosé Antonio Matín Curty e contará con “sete compartimentos estancos”, de xeito que a planta baixa se adicará ao “tapeo” e a zona superior a restaurantes “de corte máis formal”. Ademais, contará con “catro casetóns” que “sobresairán da estrutura do inmóbel para proxectarse cara a ría”. Finalmente, o deseñador subliñou “a calidade dos materiais” que se empregarán que, se ben farán o proxecto máis custoso servirán para aumentar a súa perdurabilidade”.


Ligazóns

1,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: