A editora OQO e o Concello de Lugo botan a andar a terceira edición da quincena de arte e literatura, da que gozarán un milleiro de escolares.
Un feixe de actividades estará durante os próximos días a disposición de cativas e cativos lugueses para unha achega lúdica ao mundo da arte, deseñada pola editora OQO para o Concello de Lugo. O obxectivo non é só favorecer o hábito da lectura, senón tamén desenvolver o espírito creativo dos rapaces e ofrecerlles medios para aprender novas formas de mirar.
Desta volta a campaña inclúe un obradoiro de introdución á animación audiovisual, guiado polos animadores mexicanos Luis Téllez e Karla Castañeda, que convidarán os meniños a darlle vida ao libro Pulga e Xigante de OQO editora a través da técnica de animación stop-motion. Por outro lado, desenvolverase o obradoiro de animación á lectura, Qon vermello, negro e un pouco de branco, baseado no libro de OQO A incríbel historia da nenapaxaro e o galopín de Anna Castagnoli e Susanne Janssen. Segundo explican os organizadores, analizaranse os sentimentos que transmiten as imaxes do conto, tan inquietantes como atractivas, nunha proposta plástica deseñada para fomentar a participación de todos os pequenos. No obradoiro de plástica Qon posición traballarán co álbum O baúl dos ladróns de L. Frank Baum e Iván Prieto, ilustrador moi vinculado á actividade artística lucense, a través do cal usarán a técnica da colaxe, introducindo elementos cotiáns e xogando coa composición e as texturas.
Serán en total 36 as actividades de animación á lectura nun total de 13 centros de Educación Primaria de Lugo do 15 ao 26 de marzo, nas datas previas á celebración do Día Internacional do Libro Infantil, o 2 de abril.