Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Redes sociais

A rede posiciónase contra a proposta de decreto

Na 'batalla' que se está a dar no Facebook, pódense atopar grupos de detractores de varios miles de persoas fronte ao apenas medio cento dos partidarios.

Redacción - 17:59 13/03/2010

As redes sociais reaccionaron rapidamente ao anuncio do decreto sobre o uso da lingua no ensino. No Facebook, onde se poden crear numerosos grupos de apoio a diferentes iniciativas, é onde se concentra un meirande número de persoas contrarias ao texto.

Aínda así, son varios os grupos en que se reparten as críticas ao decreto da Xunta. O máis nutrido, con case cinco mil persoas, é "Por un decreto que defenda a lingua galega". Séguenlle, xa a máis distancia, con case tres mil apoios, "Ensino en galego, un dereito (con decreto ou sen decreto)" e "Coa educación non se xoga. Non ao decreto do galego". Supera as 1.300 persoas "Todos contra a derrogación do decreto de Feijoo".

Fronte a estes grupos, contrasta a cativa presenza das persoas favorábeis ao novo texto. Apenas supera os 50 apoios "Eu estou a favor do decreto do galego" e non chega aos 30 "Eu estou a favor do proxecto do novo decreto do galego". Un pouco máis numeroso é un grupo impulsado por Galicia Bilingüe, aínda que tamén contra o decreto: "Feijoo, traizoáchesnos; isto non foi o que lle prometiches ao pobo galego" ten máis de 180 persoas inscritas.

Desta volta, no Twitter non hai unha palabra-chave que os usuarios escollesen especificamente para todos os textos relacionados co proxecto. Así, se procuramos a palabra "decreto" atoparemos moitas mensaxes referidas ao do galego, mais outras non teñen relación ningunha, como as que teñen que ver con Silvio Berlusconi. Máis específico é o termo de busca #decretogalego.

Outra busca que se pode facer para atopar as entradas máis recentes arredor do decreto é que nos facilita Blogaliza. Porén, como os blogs son máis "lentos" cás redes sociais, aínda haberá que agardar unhas horas a que se vaian publicando as reaccións.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: