O Consello Nacional, a petición do Encontro Irmandiño, decidirá este sábado se procede celebrar unha asemblea nacional antes das municipais. Todo apunta a que a cita se adiará até despois de maio de 2011
O Encontro Irmandiño volveu abrir o debate interno dentro do BNG: É preciso celebrar unha asemblea nacional antes das vindeiras eleccións municipais? A Executiva Nacional decidiu este luns dar luz verde para que o Consello Nacional que se celebrará en Compostela o vindeiro sábado decida se procede ou non poñerlle data xa á convención política. Salvo sorpresas, Encontro Irmandiño podería quedar só na súa petición xa que as dúas grandes tendencias do BNG ou se opoñen frontalmente ou teñen serias dúbidas sobre a oportunidade de adiantar a cita.
As razóns son ben distintas. A UPG segue firme nas súas teses de non adiantar a asemblea nacional. O partido que lidera Paco Rodríguez sostén que é preciso reforzar internamente a organización e convocar a cita para despois de maio de de 2011 (previsibelmente no outono dese ano). Aí é cando se debaterían as teses políticas e se elixiría unha nova dirección que xestionaría o último treito até as eleccións da Xunta que terán lugar en 2013.
Fontes da Unión do Povo Galego consultadas por Vieiros reiteran que o problema a curto prazo non é nomear un candidato ao Goberno: “O PSdeG non escolleu o seu. O primeiro, se se quere ter garantías, é recuperar o discurso do BNG e logo elixir un candidato co maior consenso posíbel”. Dende este partido non queren nin ouvir falar polo momento de nomes propios: “Parece que ás veces nos esquencemos que faltan tres anos para as eleccións e hai outras prioridades”. Para este partido, o Bloque está xogando bazas importantes co seu posicionamento actual en temas como o da normalización lingüística ou o da necesidade dunha caixa galega propia.
Máis BNG, a outra gran corrente do Bloque, defendeu no seu día a necesidade de definir un candidato que rematase coa “sensación de provisionalidade no liderado”. Pendentes dunha xuntanza da súa dirección que terá lugar este xoves, semella pouco probábel que os de Carlos Aymerich apoien activamente unha asemblea nacional antes dos comicios municipais. Os numerosos cargos locais cos que conta Máis BNG non están a prol de abrir unha batalla interna a poucos meses das eleccións municipais que consideran que pode “descentrar” (e mesmo dividir) a militancia local e enfeblecer a organización. A isto, súmanse outras voces que ven “moi difícil” chegar a un entendemento co Encontro Irmandiño para acudir a unha asemblea este ano.
Dende o Encontro Irmandiño subliñan que non demandan unha asemblea nacional para escoller un candidato pero estiman que si que é preciso debater a liña política de cara aos comicios locais e aproveitar para reelixir unha dirección de consenso que supere o "peche en falso" da última asemblea extraordinaria.