Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
“7,4 millóns de euros gastados en 10 meses”

O PSdeG denuncia que a Xunta merca outros 58 coches e “regala” 82

Critica “o malgasto” do goberno de Núñez Feijoo en plena crise económica ao se desprender de vehículos con menos de 100 mil km e adquirir máis, novos.

Redacción - 12:35 27/02/2010

O viceportavoz parlamentario do PSdeG, Xosé Manuel Lage, denunciou este venres “o malgasto que están perpetrando Afonso Rueda e Alberto Núñez Feijoo ao regalar 82 coches do parque móbil da Xunta nunha operación de compra de 58 vehículos máis para a Administración autonómica”.

Lage Tuñas afirmaba que o conselleiro de Presidencia se está a desprender de vehículos con menos de 100 mil km para seguir mercando coches novos. “Despréndense de vehículos aos que lles queda moita vida útil nunha clara mensaxe de malgasto e actitude propia de novos ricos sen ter en conta a situación de crise económica e esquecendo por completo os discursos de austeridade da pasada campaña electoral”.

O deputado do PSdeG explicou que “coa compra de 58 novos vehículos, o goberno de Feijoo leva mercados máis de 400 coches en 10 meses de lexislatura, unha auténtica marca e un claro sinal da dobre moral de Afonso Rueda que por unha banda predica austeridade mais pola outra tírase de cabeza a unha compra masiva de vehículos en tempos de crise económica”.

Neste senso, asegurou que “agardan obter agora 482.307 euros polos 82 coches dos que se queren desprender, algúns de alta gama como os 17 audis e hai catro meses pretendían ingresar 352.540 euros só por eses 17 coches, o que indica un claro malgasto co patrimonio público e unha acción denunciábel xa que para mercar 58 novos vehículos se desprende de 82 coches.”

Comparecencia de Afonso Rueda

O PSdeG xa solicitou a comparecencia do conselleiro de Presidencia para explicar a situación, así como a adquisición de vehículos por procedemento “secreto”, negociado sen publicidade. “Rueda terá que explicar no Parlamento como gastan máis de 7,4 millóns de euros en mercar máis de 400 coches en 10 meses de mandato cando moitos vehículos están en condicións de se usar e máis se temos en conta a situación de crise económica que vive o país”.


3,67/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: