Educación deixa en mans dos directores de centros a decisión de suspender a actividade escolar. Meteogalicia alerta de que a situación será moi complicada o sábado.
Un temporal de vento e choiva complicou moito a circulación en numerosas comarcas do país, especialmente nas costeiras. Aínda que non houbo que lamentar incidencias de gravidade, os servizos de emerxencias tiveron traballo arreo para retirar tellas, contedores guindados polo vento e incluso árbores que caeron á rede de estrada e complicaron a circulación.
Aínda que se agarda nas vindeiras horas unha tregua meteorolóxica, a situación podería complicarse a partir da noite do venres. De feito, Meteogalicia alerta de que o sábado o país se verá afectado por fortes refachos e de vento (que poderían superar os 120 km/hora) e choivas moi intensas.
Pola súa parte, a Consellaría de Educación decidiu suspender este xoves e venres toda clase de actividades deportivas escolares ao aire libre. O departamento que dirixe Xesús Vázquez dubidou se suspender ou non as aulas. Porén, finalmente, a Xunta envioulle unha circular aos centros facultando aos directores a tomar esta decisión en casos extraordinarios.