Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Democratización da mantenza

Campesiñado, xente do mar, activistas e investigadores falarán en Compostela sobre alimentación xusta e sustentábel

Esta fin de semana desenvólvense as Xornadas Galegas de Soberanía Alimentar na capital do país, que rematarán cunha feira o domingo.

Redacción - 08:10 25/02/2010

Persoas dedicadas ao agro, á gandaría, á pesca artesanal, ao marisqueo, ao consumo responsábel e á investigación participarán nas Xornadas Galegas de Soberanía Alimentar que se desenvolverán esta fin de semana -sábado e domingo- en Compostela.

As palestras e as mesas redondas do evento, que organiza Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos (ISAP) co apoio da Cooperación Galega, contarán coa presenza de xente chegada de Chile, Moçambique, Cataluña e do País Vasco, e complementaranse ademais cunha feira de produtos o domingo na Praza de Mazarelos.

A situación nestes dous países americano e africano, así como "a democratización da alimentación", "as relacións Norte-Sul e a fame", "o impacto do modelo agroindustrial sobre a mudanza climática", "as dificultades e alternativas en marcha para vivir da terra e do mar" e "a situación e expectativas do consumo responsábel" serán os temas sobre os que se falará e debaterá.

Participantes

Nas xornadas intervirán Paul Nicholson, do sindicato agrario vasco EHNE e dirixente do movemento labrego internacional Vía Campesiña; Carme Freire, secretaria xeral do SLG; Florencia Aróstica, da Asociación Nacional de Mujeres Rurales e Indígenas (Anamuri, Chile); Luís Mário Muchanga, da União Nacional de Camponeses (UNAC, Moçambique); Ferrán García, da campaña No et mengis el món; Mónica Vargas, do Observatorio de la Deuda en la Globalización (ODG).

Ademais, presentaranse experiencias como as do Grelo Verde, Monte Cabalar, Leite Crú O Alle, Mar de Lira, Algamar, mariscadoras de Cambados, Proxecto Amorodo/Lentura, a Rede Galega de Consumo Consciente e Responsábel ou o choque entre soberanía alimentar e destrución ambiental no Salgueirón (Cangas do Morrazo).

A ISAP é unha alianza de organizacións nacida en Abril de 2008 e actualmente integrada por Amarante, A Cova da Terra, Eirado, Emaús, Fundación Galicia Verde, Panxea, Semente, Sindicato Labrego Galego, Verdegaia e Veterinarios Sen Fronteiras.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: