A plataforma entregoulle á representante do Secretariado da Carta Europea das Linguas un informe cos principais incumprimentos do tratado por parte do Goberno.
No vindeiro mes de abril comezará o proceso mediante cal o Comité de Expertos do Consello de Europa recabará toda a información necesaria para emitir o seu terceiro informe sobre o cumprimento en Galiza da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (CELRM). Dous meses antes, unha representante do Secretariado do Consello, Simone Klingem, reuniuse en Compostela cunha representación da Plataforma Queremos Galego, quen lle entregou un documento sobre os que consideran “principais incumprimentos” do tratado por parte do Goberno.
Ditame crítico coa Xunta
Ao remate da xuntanza, a Plataforma asegurou que o futuro informe será “moi crítico” coa política lingüística da Xunta. Así o dixo Carlos Callón, quen subliñou que o Goberno non tivo en conta as recomendacións feitas en 2008 polo Consello de Europa e lamentou que “mesmo as medidas que eloxiaba o texto, como as galescolas, están agora a ser desmanteladas polo actual executivo”.
Nos graves incumprimentos engadiu o eido da xustiza, no que “non se tomou ningunha medida para que existan formularios en galego, para que se traduza a lexislación ou para estabelecer programas de formación”; ou o eido da Administración Pública, no que diagnosticou un “importante retroceso”; ou no da sanidade, “onde non se emprenderon aínda iniciativas de formación idiomática do persoal”.
Obrigado cumprimento
Pola súa parte, a representante do secretariado do Consello de Europa para a Carta Europea agradeceu a posibilidade de reunirse e escoitar a voz de colectivos sociais e cívicos, se ben será a partir de abril cando comece a análise máis rigorosa sobre o grao de aplicación do tratado.
Klinge recordou que os diferentes estados subscritores da CELRM puideron ter escollido diferentes niveis no seu grao de aplicación e subliñou que o Estado Español no seu día optou polo nivel máximo. Así, lembrou que, se ben non existe un sistema concreto de sancións, “a ratificación polos parlamentos dos estados implica a obriga legal do seu cumprimento.