Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Expertos en dereito avalan a reforma legal

Leas políticas aparte, a renovación das cúpulas das caixas é "constitucional"

A urxencia, falta de comunicación entre administracións e enfrontamentos políticos serían os freos á lei. Os problemas, facilmente solventábeis coa "vía do diálogo".

Redacción - 18:15 22/02/2010

"O problema xurídico é ver até onde chegan as competencias do Estado e onde as da comunidade", expón Xaime Rodríguez Arana, da Universidade da Coruña, ao respecto do enfrontamento da Xunta e o goberno español sobre a reforma da lei de caixas. O experto coruñés, próximo ao PPdeG, avalía criticamente o feito de que a regulación dos órganos reitores, como é o caso do Banco de España, estea recollida nunha lei órganica, no canto dunha normativa específica desenvolvida a partir do marco xeral. Neste sentido, entende Rodríguez Arana que o recurso do goberno español á lei galeg está "forzado". "Estase levando a constitucionalidade a aspectos anecdóticos", di Arana, que deberan ser obxecto "dun regulamento" e non dunha lei orgánica como é das caixas de aforros.

Ao mesmo que Arana, outros dous expertos en dereito consultados por Europa Press, avalan a constitucionalidade dun dos preceptos principais recorridos polo goberno español na lei de caixas de Galicia, o referido á renovación do 75% das cúpulas das entidades. Todos eles coinciden tamén en criticar o enfrontamento aparecido entre as administracións e entenden que a paralización da norma prexudica gravemente a Galiza. Para todos eles, a Xunta conta con competencias "plenas" para o regulamento das caixas. Apuntan ademais que se trata dunha renovación "parcial" que non abrangue o cento por cento dos directivos.

Renovación constitucional
O catedrático de Dereito Constitucional Xosé Antonio Portero Molina, da Universidade da Coruña, sinala que xustamente esa renovación do 75% "exclúe a reforma total" que é o que no seu caso implicaría inconstitucionalidade. Con todo, Portero Molina quítalle ferro ás acusacións de "recurso político", xa que na súa opinión é un enfrontamento froito da "normalidade" no proceder do goberno español. Así, na súa opinión, o conflito xorde da "urxencia e falta de comunicación" entre as dúas administracións e prognostica que as negociacións evitarán que a resolución do conflito sexa pola vía do Tribunal Constitucional. "Sería o máis coherente e intelixente", indica.

Roberto Blanco Valdés, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, entende que a lei galega "regula competencias plenas" e "non debería haber dificultades" na renovación de asembleas e na garantía de constitucionalidade. Para Blanco Valdés, trátase dunha teima do goberno español de "forzar unha negociación" nos aspectos rexeitados no seu día polo pacto de PPdeG e BNG no Parlamento.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: