Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
'Encontro Nacional de Servizos Sociais' do BNG

Reproches á concepción "municipalista" do PSOE e "privatizadora" do PP cos servizos públicos

Os nacionalistas celebran un encontro para "reafirmar a aposta polo carácter público dos servizos sociais".

Redacción - 11:15 20/02/2010

"Para conseguir un modelo máis xusto e máis galego si hai alternativa", expuxo o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, nun xogo de palabras co actual lema da formación política. Vázquez salientou o traballo realizado polo Bloque durante a pasada lexislatura "para dotar de equipamentos e de servizos ao conxunto da poboación". Asegurou que os nacionalistas traballaron arreo polo fortalecemento dun sistema público e de calidade neste ámbito "imprescíndibel para garantir a cohesión social e a igualdade e para combater a exclusión social".

Afirmou ao respecto que os países máis desenvolvidos invisten a maior porcentaxe do seu PIB nos servizos públicos, e ao fío esixiu "políticas valentes". Nese sentido, lamentou o portavoz do Bloque que as actuacións levadas a cabo até o de agora polo executivo de Núñez Feijoo, "como o desmantelamento das oficinas de I+B, a privatización dos centros de día, o incumprimento de prazos nas axudas a dependentes", entre outros, "son claros exemplos da falla de interese deste goberno para consolidar estes servizos públicos e de calidade".

Actualización 11h15:
"No marco da actual crise económica, filla do neoliberalismo especulativo e antisocial máis extremo, estamos asistindo a un proceso onde a desigualdade e os riscos de exclusión social se estenden a novos colectivos sociais", explica Manuel Caride, responsábel nacional da Comisión de Servizos Sociais do BNG, nunha entrevista publicada esta fin de semana na web da formación política.

"Neste sentido, o modelo público de servizos sociais que defende o BNG é un modelo que parte da necesidade de dotar o conxunto da poboación do país duns equipamentos e servizos que fomenten a cohesión social e a igualdade de oportunidades, combatendo a exclusión e a falla de autonomía persoal no conxunto do noso territorio", engade Caride. Para o voceiro do Bloque nesta materia, "fronte á concepción municipalista do PSOE ou o modelo privatizador do PP", o BNG aposta "por uns servizos públicos e de calidade adaptados á especificidade territorial de Galiza".

Neste 'Encontro Nacional de Servizos Sociais' que o Bloque celebra en Compostela participarán ademais de caride o voceiro nacional da formación, Guillerme Vázquez, e intervirán María Xesús Lago, Xosé López Gómez, Carme Verde e Ignacio Iglesias Villar, entre outros especialistas na materia.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: