Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ENTRE 2 E 100 MEGAS

Un Plan Director prevé levarlle a banda larga á totalidade da cidadanía

O Goberno prevé investir 102 millóns até 2013. Un 6% da poboación tería que acceder á internet a través do satélite.

Redacción - 19:15 18/02/2010

A Xunta aprobou no seu Consello desta quinta feira o prometido Plan Director de Banda Larga, que prevé que a totalidade da cidadanía poida acceder en 2013 a unha conexión de internet de, cando menos, dous megas. Isto supoñerá que o 94% da poboación conte con acceso a "banda larga de calidade" e o restante 6% a "cobertura a través do satélite", asegurou Núñez Feijoo.

O presidente da Xunta cualificou a situación actual de "insuficiente", pois "o 30% da poboación, case 800 mil galegos" non teñen aínda acceso á banda larga, o que supón o 41% dos núcleos poboacionais, o que inclúe "o 30% dos centros sanitarios, o 25% dos centros educativos e o 10% dos xulgados”.

Segundo os últimos datos da Enquisa de condicións de vida das familias, a porcentaxe de fogares con conexión á internet apenas chegaba ao 14% nalgunhas áreas.

As conexións estarán garantidas para todos os núcleos de máis de 100 habitantes, mentres que o 30% dos de menor poboación terán que botar man do satélite. A metade oriental do país terá prioridade á hora de levar a cabo o plan. Así, xa en 2011 se paliará "o 50% da fenda dixital" nesa área.

O Plan Director terá un orzamento público de 102 millóns de euros e prevé superar os 232 millóns de euros coa achega de fondos doutras administracións e do capital privado. Prevé potenciar o operador público, Retegal, con máis medios e coa capacidade de estender a banda larga, favorecendo tamén a presenza de operadores privados e, polo tanto, a competencia.

As conexións chegarán a través de infraestrutura de nova xeración, con velocidades de até 100 megas. Destas últimas beneficiaranse, aproximadamente, un millón de persoas en 2013. Para incentivar a demanda, desenvolveranse, paralelamente, programas de capacitación, achegamento e alfabetización dixital e empresas e á cidadanía en xeral. O obxectivo final do plan é que Galiza deixe de estar á cola do Estado Español no uso das novas tecnoloxías, posto no que inflúe o feito de que unha ampla porcentaxe da poboación non teña acceso a elas.


4/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: