Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Morna recomendación

O galego na Xunta: un paso cara adiante, outros dous para atrás

O Parlamento aproba por unanimidade instar o Goberno a informar os cargos públicos de que deben usar a lingua do país, aínda que non estarán na obriga de o facer.

Redacción / EP - 17:00 18/02/2010
Hai conselleiros que só falan castelán

Hai conselleiros que só falan castelán

Os tres grupos con representación parlamentaria -PPdeG, PSdeG e BNG- decidiron esta quinta feira por unanimidade instar a Xunta a que poña en coñecemento de todos os seus cargos públicos "a necesidade de facer uso público, tanto oral como escrito, da lingua galega no desempeño da súa responsabilidade pública".

Este acordo parte dunha proposición non de lei presentada e defendida polo voceiro de Lingua do BNG, Bieito Lobeira, na Comisión Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior. O nacionalista chamou a atención sobre os "incumprimentos da lei" e a "vulneración de consensos" de destacados membros do Goberno, que non falan en galego "porque non queren".

"Trátase dun desprezo á lingua galega para agradar o público ultra", reprobou, logo de recordar que o Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por todos os grupos, recolle a necesidade de que os cargos de Administración autonómica se expresen na lingua do país.

Con el coincidiu o deputado do PSdeG Xosé Manuel Lage Tuñas, que considerou "incomprensíbel" que os cargos públicos non utilicen o galego sen prexuízo de que empreguen a súa liberdade individual para se expresaren na lingua que prefiran "no seu ámbito privado".

En todo caso, anticipándose ás acusacións de intento de "imposición", razoou que "non se impón o que é propio" e atribuíu este argumento ao "complexo dalgúns". "O país avanzará cando se supere este debate", sostivo, logo de sinalar que debater no Parlamento esta cuestión é indicativo de que "hai un problema".

Por iso, apostou por lograr "un grande acordo" arredor da lingua e superar así o "ataque desaforado" que a Xunta está a acometer contra o galego dun modo "tan evidente".

Pola súa banda, o representante do PPdeG neste debate, Agustín Baamonde, recoñeceu a obriga dos poderes públicos de "promover o uso normalizado" do galego no seu labor como "referentes para a sociedade". No entanto, rexeitou facer desta cuestión "unha norma de obrigado cumprimento" cando, ao seu xuízo, se trata dun "criterio xeral".

O galego, "inútil"

Nos cargos públicos como "referentes para a sociedade" abundaron os voceiros dos tres grupos. Por este motivo, Lobeira exixiu que os altos cargos utilicen o galego como forma de "prestixiar" a lingua para o seu uso normalizado.

O contrario, ao seu entender, sería "introducir a percepción de que o galego non vale", algo que enmarcou na "política agresiva e regresiva" do PP contra a lingua e cultura propias. "Se a Administración que debe dar exemplo pasa olimpicamente e quita o galego das oposicións, do ensino, das campañas publicitarias, etc, xérase a percepción de que o galego é inútil", recriminou.

"O galego non é un freo para nada, senón un sinal de identidade", enxalzou Lage Tuñas, que apelou á necesidade de "buscar a concordia co amor cara ao propio" desde as institucións. Así, destacou os exemplos do ex conselleiro de Economía Xosé Ramón Fernández Antonio e do actual titular de Medio Ambiente, Agustín Hernández, que "se esforzaron por aprender" o galego para utilizalo no exercicio das súas funcións.

"Respecto á liberdade individual"

Tamén Baamonde destacou a importancia da promoción do galego entre os altos cargos, mais sempre "nun marco de respecto á liberdade individual", posto que tanto o galego como o castelán "son linguas cooficiais" na comunidade. "Non se pode facer da Administración unha illa no uso do galego", concluíu, para sentenciar que o seu grupo non acepta "a obrigatoriedade" da súa utilización.

"A lei é clara e pon usar, non promover", espetou o voceiro do BNG, e xustificou este punto na necesidade de "dignificar" o galego. "Cumpran a lei falando", resolveu, facendo tamén extensiva esta exixencia aos membros do Grupo Parlamentario Popular.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: