Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A CECA pide non vincular axudas a fusións

En tempo de crise as caixas aínda suman gorentosas ganancias

Aínda que recibirán grandes inxeccións públicas de liquidez, o conxunto das entidades presenta unhas contas de ampla marxe positiva.

Redacción - 11:15 18/02/2010
Tags: caixas CECA
Juan Ramón Quintás, presidente da CECA

Juan Ramón Quintás, presidente da CECA

A Confederación Española de Caixas de Aforros (CECA), informou este mércores do balance global que no conxunto do Estado ofrecen as entidades. Nun primeiro golpe de vista é ben certo que as caixas presentan os números máis febles da última década, cun volume de ganancias ao final de 2009 un 34% inferior ao do ano anterior. Mais o propio presidente da isntitución, o galego Juan Ramón Quintás, cualificou de "bos" eses datos no actual escenario de crise económica e financeira. Se ben o beneficio consolidado quedou no contorno dos 4.400 millóns de euros, hai que recordar que as caixas destinaron neste período elevadas cantidades a insolvencias e cobertura de activos. Sumadas esas cantidades, o volume de negocio das caixas chimpa por riba dos 16 mil millóns movéndose en cifras mesmo superiores ás do balance anterior.

Críticas de Quintás ás condicións para a recepción de axudas
Ás portas de finalizar o seu mandato e durante a presentación do informe coas contas do último ano, Quintás expuxo as súas críticas ao respecto das esixencias do Banco de España para o outorgamento de diñeiro público ás entidades. Coa lea das caixas galegas de actualidade, o responsábel da CECA até o próximo mes de maio reprobou que as axudas a caixas "con problemas" estean vinculadas á esixencia de fusión.

"Seica o Banco de España quere fusionar cantas máis caixas mellor, e sen mirar a eficiencia", censurou. "Non sei por que este país ten que ser o primeiro do mundo no que desapareza a banca pequena", afirmou. Por outro lado, Quintás denunciou a "lentitude" coa que na súa opinión o goberno español está atendendo as peticións das caixas. Segundo o presidente da CECA a excepcionalidade da situación require dun acordo político que axilice a consecución de acordos para reformas a prol das entidades.

A CECA defende a reforma do SIP a prol de fusións interrexionais
Outro asunto destacado da intervención de Quintás foi a súa reflexión ao respecto do Sistema Institucional de Protección (SIP). O voceiro da CECA chamou a unha modificación da normativa que lle afecta a este tipo de acordo entre as caixas, no que manteñen a súa marca e órganos de goberno, como un chanzo previo á fusión definitiva. Para Quintás unha reforma do regulamento xurídico permitiría eliminar a actual "inseguridade" e "axilizar o proceso de reordenación do sector".

Na súa opinión a reforma permitiría salvar as obxeccións dalgúns gobernos autonómicos á que as caixas afronten procesos de fusión con entidades foráneas. Tal sería o caso de Galiza, onde as dúas caixas manteñen liñas de negociación abertas que poderían desembocar en SIP. No caso de Caixa Galicia con Caja Madrid e Caja del Mediterráneo e no de Caixanova con Cajastur, a balear Sa Nostra, e Caja Murcia.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: