Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PETICIÓN NO CONGRESO

Salvamento Marítimo, "á disposición da loita contra o narcotráfico"

O BNG solicita que se empregue o dispositivo de vixilancia do Monte Enxa para controlar a entrada de embarcacións con sustancias prohibidas.

Redacción - 14:05 15/02/2010


Facer compatíbel o salvamento marítimo co control do narcotráfico aproveitando os medios dos que xa dispón Galiza. Esa foi a petición que fixo no Congreso dos Deputados o BNG, da man da parlamentaria Olaia Fernández Davila. Os nacionalistas reclaman que o dispositivo de Salvamento Marítimo situado no Monte Enxa (Porto do Son) teña utilidade tamén no control do narcotráfico por mar.

Dende Cabo Silleiro até Estaca de Bares
Fernández Davila subliñou que nas últimas actuacións do Servizo de Vixilancia Aduaneira de Galiza “consta un incremento do narcotráfico” no litoral galego, polo que considerou necesario potenciar a súa vixilancia. Actualmente existe un centro zonal de coordinación en Porto do Son que dá cobertura a case toda a costa galega e que conta con medios de alta tecnoloxía para o control do tráfico marítimo.

Segundo a nacionalista, estes medios son “análogos aos do Sistema Integrado de Vixilancia Exterior (SIVE) que operan nas costas andaluzas ou canarias para controlar a inmigración ilegal ou o tráfico de estupefacientes. Así, demandou a través da súa iniciativa no Congreso que o Servizo de Vixilancia Aduaneira (dependente da Axencia Tributaria) e Salvamento Marítimo (dependente de Fomento) asinen un convenio para que os medios deste centro do Monte Enxa poidan ser utilizados para “detectar” a longa distancia as embarcacións que se aproximen ás costas galegas e actuar contra o narcotráfico.
 
Por último, salientou que “os funcionarios do Servizo de Vixilancia Aduaneira poderían asumir perfectamente estas funcións e, ao mesmo tempo, e dado que xa existen convenios asinados entre o Ministerio de Fomento e a Axencia Tributaria para a colaboración na busca e salvamento de náufragos, aumentaría a coordinación entre estes dous organismos no salvamento marítimo”.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: