O Comité Cidadán avisa de que un accidente como o recente en Connecticut en zona apenas poboada, causaría "milleiros de vítimas" na ría ferrolá.
Tanto polo volume de gas almacenado como polo efecto multiplicador que supón a planta contigua de Forestal do Atlántico, con almacén de grandes cantidades de produtos tóxicos, as instalacións de Reganosa, un accidente no lugar como o acontecido recentemente nos Estados Unidos tería "consecuencias gravísimas" no contorno.
Recordan que o suceso estadounidense produciuse nunha central eléctrica, ao facer explosión unha canalización de gas natural, e que a planta, aínda en período de probas está a 4 km da cidade de Middletown, de 40 mil habitantes e nun área pouco poboada. Aínda así, houbo numerosas mortes e feridos e os efectos da explosión notáronse nun amplo radio de quilómetros.
Por este motivo, aproveitan para recordar o perigo latente que supón a planta de Reganosa en Mugardos, a poucos metros de núcleos de poboación e a pouco máis dun quilómetro dos Arsenais e da cidade de Ferrol. Nun caso similar, "os mortos terían que contarse por miles", agoiran. Deste xeito, insisten na ilegalidade da localización da planta e do tráfico de gaseiros ao interior da ría. "Urxe que o Tribunal Supremo dite sentencia confirmando as emitidas no seu día polo Tribunal Superior de Xusticia de Galicia, favorábeis a este Comité e recorridas pola Xunta de Galicia", subliñan.