Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Olaia Sendón, fotógrafa e documentalista

"A realidade cámbiate, é o que ten facer documentais"

Como foi, como é, como será a vida na Costa da Morte. Olaia Sendón prepara a próxima peza audiovisual do proxecto A Costa Defunta. Vídeos no interior.

R.N - 11:00 07/02/2010

Ía ser un só pequeno documental. Así o proxectara Olaia Sendón, coa idea de plasmar o imaxinario da costa do país. Usos, costumes, un xeito de axudar a entender desde o exterior un espazo alleo. Aproveitando as vivencias no contorno da casa familiar no lugar do Sardiñeiro, Sendón decidiu explorar o arquivo da memoria colectiva. Mais, volcada a cámara sobre o escenario natural da Costa da Morte o progreso chegou de golpe e sen dar tempo á xente a adaptarse. Esa "chegada abrupta dun novo mundo" queda reflectida con maxistral resultado na produción "A Casa de Lola e Andrés". Un proxecto con forte pegada xornalística onde a artista coruñesa se viu sorprendida en pleno proceso pola zoupada da burbulla inmobiliaria asolagando un espazo esgrevio e fermoso que semellaba illado das cobizas da especulación.

Convidada hai poucos días polo Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) a falar da súa experiencia no ciclo "Xentes, espazos e lugares", Olaia relata para Vieiros como a realidade lle obrigou a mudar sobre a marcha a idea inicial dándolle forma ao proxecto que bautizou A Costa Defunta. A documentalista explica como "non houbo intención consciente" ao comezo de encarreirar o filme nese sentido, mais a produción encaixa perfectamente na propia idea coa que o COAG está a dinamizar o debate na sociedade: a procura dunha visión plural dos lugares que habitamos, a complexidade do hábitat e a interacción das persoas cos espazos.

Sendón elaborou posteriormente o documental Os fabulosos irmáns da luz, segunda parte do proxecto "A Costa Defunta". Neste caso un traballo máis experimental e "máis estilizado a nivel de imaxe". Unha evocación do que foron os espazos onde noutro tempo se realizaban as proxeccións cinematográficas e que percorre o labor de Ramón Caamaño na súa experiencia de cinema itinerante pola Costa da Morte. O filme estreouse no seu momento cunha posta en escena que xustamente pretendía rememorar a idea de cinema como espectáculo, nun exitoso evento con animación e malabares.

En proxecto unha terceira parte d'A Costa Defunta
Na cabeza de Olaia Sendón xa está a terceira parte d'A Costa Defunta, da que nos avanza que "xogará coa narrativa" e a construción do imaxinario a través do espazo e co que proxecta un documental máis extenso e ambicioso. Mais, namentres agardamos a que ese guión tome forma no futuro, a cineasta coruñesa prepara cara a vindeira primavera a estrea dun traballo fóra desa triloxía. Trátase dun proxecto audiovisual arredor das pequenas tendas como reduto fronte ás grandes superficies.

Na súa bitácora, unha pegada da inspiración:

"Houbo días de mazás (días aburridos), días de falar do tempo e da reuma,días de clementinas repletas da vitamina c que acompañaba a frase; dende logo hoxe non estás ben, cousas do inverno (...) os días, as froitas e as conversas mudaban a diario pero o único que persistía na tenda de Pepa eran as rosas perennes que día a día íamos mercar alí (...) Hoxe vai un par de meses desque Pepa pechou, e despois do traballo merquei 1 kg de mandarinas, un mango e media ducia de fresas… o único que levo para casa é iso mesmo".


4,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: