A sentenza dun xulgado da cidade contra Simón Films deulle a razón á Federación para a Propiedade Intelectual.
Un xulgado de Vigo condenou a un ano de cadea e a pagar unha indemnización de dous mil euros ao propietario dunha web que ofrecía contidos audiovisuais mediante 'streaming'. O proceso comezou en decembro de 2006 a consecuencia dunha denuncia da Federación para a Propiedade Intelectual.
A entidade denunciou tres páxinas (simonfilms.tv, siglox.com e maxivideos.tv) por ofreceren gran cantidade de filmes, entre estreas e éxitos do mercado, para a súa visualización en tempo real ao prezo dun euro, cunha compra mínima de dez películas. A sentenza condena o xerente e administrador único da empresa propietaria das tres páxinas. Paralelamente, iniciáronse accións xudiciais dende México, dende onde as webs tamén recibían visitas, do mesmo xeito ca dende outros países de América Latina.
Outra vitoria xudicial acadada recentemente polas compañías cinematográficas e de videoxogos foi a aceptación dun recurso por parte da Audiencia Provincial de Valencia contra divxonline.com. Segundo o auto, "non pode descartarse o ánimo de lucro no encausado pois a exhibición do material tiña a función de enriquecerse coas obras alleas grazas á publicidade", contradicindo outras sentenzas semellantes. A audiencia achou que "parece desprenderse que o principal atractivo para a captación de publicidade era a emisión do material protexido".