Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PSdeG carga contra Feijoo

'Ocultismo, atallos e ataque flagrante' diante do inminente recurso contra a lei de caixas

A Xunta di que Madrid agocha datos. O PPdeG ve un golpe "á autonomía" de Galiza. O BNG teme que o PP acepte "recortes substanciais".

Redacción - 19:00 02/02/2010

"Ocultismo" foi unha das expresións usadas este martes polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Afonso Rueda, para referirse ao que considera que é a actitude do goberno español diante da estratexia sobre a Lei de Caixas de Galicia. Nos micrófonos da Radio Galega, Rueda foi moi belixerante co anuncio da preparación dun recurso contra a lei, avanzado o pasado venres polas vicepresidentas Elena Salgado e María Teresa Fernández De la Vega.

Ao respecto, o conselleiro explicou que a Xunta acudiu directamente ao Consello de Estado para saber das razóns e argumentos cos que o goberno español pretende xustificar a súa impugnación a esta norma. Laiouse Afonso Rueda de que o executivo estatal "oculta de forma deliberada" esa información. O responsábel de Presidencia insinuou que a estratexia do goberno español semella pasar por paralizar a aplicación da lei galega e que "non se chegue a tempo de pedir diñeiro do Fondo de Reestruturación ordenada Bancaria (FROB)". "Se esa fose a intención, sería un escándalo político de dimensións moi grandes, un castigo a Galiza que terían que explicar e un trato moi diferente ao doutras comunidades da mesma cor política que o señor Zapatero", acusou.

Sen dúbidas da capacidade de decisión sobre un SIP
Ao fío das argumentacións do goberno español, a Consellaría de Facenda rebatía unha das tachas expostas desde Madrid. Expón o departamento liderado pola conselleira Marta Fernández Currás que a nova lei de caixas estipula a capacidade da Xunta para decidir sobre a participación dunha caixa galega nun sistema institucional de protección (SIP) "ao tratarse dunha decisión estratéxica, similar á fusión", lembrando que "esta potestade xa estaba implícita no anterior texto".

Os servizos xurídicos do Goberno desbotan así as presuntas dúbidas sobre as maiorías necesarias para dar vía libre a unha fusión ou a competencia que se reserva a Xunta para decidir sobre un SIP. O artigo que regula especificamente a autorización dunha fusión, o 52 do texto refundido do ano 1996, segundo replica a Xunta, estabelece que será necesaria a presenza, "polo menos, das dúas terceiras partes dos seus membros" e que deberán votar a favor "a metade máis un dos asistentes". "A nova Lei de Caixas non modificou as maiorías necesarias para que as asembleas das entidades financeiras autoricen unha fusión e, polo tanto, mantén os requisitos vixentes dende o ano 1996", resumen, subliñan desde a consellaría, lembrando que xustamente ese artigo foi consensuado polos tres grupos parlamentarios.

O BNG reclama un manifesto cunha "postura de país"
"O goberno central está empeñado en recorrer a lei de caixas para frear a fusión galega mediante a presentación dun recurso de inconstitucionalidade para que as caixas galegas non manteñan o seu centro de decisión en Galiza, coa fin de deslocalizar as caixas". Expresábao así este martes o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e engadía que ante iso o Bloque quere "unha resposta de país".

Por este motivo, os nacionalistas inician unha rolda de contactos con grupos políticos, sindicatos, empresarios e colectivos diversos coa fin de arranxar unha reunión onde se lle dea luz a un manifesto conxunto "en defensa dos dereitos do noso país a ter un sistema financeiro das caixas propio". Vázquez dixo temer que a negociación ao respecto da lei de caixas dea lugar a que "o PP acepte recortes substanciais" sobre o documento. "A lei de caixas é froito da soberanía do Parlamento e as leis non se negocian en función dos intereses do goberno central", dixo.

PPdeG e PSdeG, entre o "ataque flagrante" e os "atallos"
O voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, comentou que ao seu partido daríalle "moita pena" que o goberno español acometese o que parece ir ser "un ataque flagrante" á autonomía do país ao presentar un recurso contra a Lei de Caixas de Galicia, aprobada no Parlamento. "Aínda estamos a tempo de reflexionar e de garantir a autonomía de Galiza", dixo.

Mentres, desde o PsdeG afirman estar á expectativa do que diga o Consello de Estado, "o que ten a última palabra", segundo analiza a secretaria de Coordinación, Acción Electoral e Política Municipal dos socialistas, Mar Barcón. Na súa opinión, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, sería o responsábel do conflito por preferir tomar "un atallo" para aprobar o texto en lugar de buscar o "consenso". "O PSdeG ofreceu un pacto para sacar unha lei forte que fortalecese o sistema financeiro galego", asegurou, insistindo en que a lei aprobada foi elaborada para "obrigar" ás caixas a unirse nunha fusión.


1/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: