O sindicato Hiru denuncia o caso dun transportista sancionado con 4.600 euros por poñer a data do tacógrafo na orde tradicional vasca.
O sindicato vasco de transportistas Hiru denunciou que a Garda Civil de Xaén multou un dos seus socios por escribir en éuscaro as datas nos discos do tacógrafo do seu camión. A contía da sanción foi de 4.601 euros.
Segundo informou o sindicato, o 15 de setembro uns axentes detiveron o vehículo do transportista, que circulaba por Andalucía, e solicitáronlle os discos do tacógrafo para revisar se estaban en orde. O profesional presentoulles os discos, onde a data aparecía na orde tradicional en éuscaro (ano/mes/día), en lugar da habitual en castelán (día/mes/ano), o que a Garda Civil interpretou como "falsificación de follas de rexistro", e así fixo constar na denuncia.
O transportista recorreu a multa mediante un prego de descargo, explicando que as datas marcadas son correctas e que están expresadas na súa lingua. Porén, a Consellaría de Obras Públicas e Transportes da Junta de Andalucía rexeitou a alegación, dando por boa a denuncia.
Hiru considerou que a denuncia presentada pola Garda Civil e a resposta da Junta "non teñen xustificación ningunha" e "producen unha indefensión absoluta a todos os transportistas estranxeiros que circulan polas estradas andaluzas".