Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PP e PSOE negocian un acordo

Cara ao "pacto educativo": o debate empeza mal

A pé de aula felicítase a promesa de estabilidade lexislativa pero advírtese ao respecto das prioridades. O PP expón as súas: privilexio ao castelán e máis centralización curricular e administrativa.

R.N - 11:00 29/01/2010

A autocrítica non é precisamente o argumento inspirador da recente vontade de pacto en materia educativa expresada por PSOE e PP, as forzas políticas con maior representación no Congreso. Desde o goberno español, os socialistas debullan os "logros" acontecidos no escenario educativo nas últimas décadas e falan dun momento actual cunha "sociedade distinta e sometida a un cambio constante" que esixiría nova "reflexión" e retos. Pola parte do PP as únicas luces neste escenario coincidirían co paso de Aznar pola Moncloa e, na actualidade, subliñan nun folleto divulgado recentemente, o sistema educativo só funcionaría ben nas comunidades autónomas por eles gobernadas.

O ministro de Educación, Ángel Gabilondo, puxo na mesa esta semana un documento de "Propostas para un Pacto Social e Político pola Educación". Anteriormente, o ministerio confirmara a realización de contactos co Partido Popular ao respecto dese pacto posíbel no Congreso entre PSOE e PP. A continuación, as primeiras interlocucións formais sobre o documento producíronse na Conferencia Sectorial, cos conselleiros do ramo a nivel estatal, e no Consello Escolar do Estado, integrado por representantes de sindicatos, nais e pais, alumnado e colectivos diversos.

A pé de aula estúdanse con cautela as promesas
É moito lidar con 35 alumnos por aula no Bacharelato, 30 na ESO ou 25 en Primaria e Infantil ao tempo que o profesorado se esforza en cumprir con todos os obxectivos estabelecidos? Profesorado e representantes sindicais consultados coinciden en varias ocasións en poñer este exemplo como detalle da falta de concreción na exposición de ideas achegada polas formacións políticas. Un asunto ben simple: a redución da ratio de cativos por aula, non é mencionado nos documentos iniciais dos que debe saír este pacto.

Xa que logo, desde a comunidade educativa vese con optimismo a vontade de que poida realizarse un pacto educativo que garanta a estabilidade desde o punto de vista lexislativo. Mais xorden, tres preocupacións fundamentais: a primeira derivada desas iniciativas concretas que poidan ser obxecto de acordo; a segunda da propia amplitude do acordo que, advirten, debe ir moito máis aló dun pacto PSOE-PP; e a terceira sobre a garantía dos recursos cos que as posíbeis ideas pactadas poidan contar para saír adiante. O investimento estatal en educación queda moi por baixo da media da Unión Europea, e PSOE e PP non se teñen pronunciado ambiciosos ao respecto da mellora dese indicador: o pacto contemplaría en principio que a actual porcentaxe media da UE sexa acadada no Estado español dentro de cinco anos.

Falta de atención ao ensino público e modelo "centralista"
Desde a CIG-Ensino critican especialmente que PSOE e PP parecen debuxar un punto de encontro ao respecto da ampliación de subvencións e beneficios para o ensino privado. Desde a UXT tamén advirten sobre ese punto, agoirando unha extensión masiva dos centros concertados e indicando que o sistema debera restrinxirse a que o ensino concertado "cubra espazos onde a pública non dea". Para o STEG, o impulso deste acordo debera partir da idea de construír "un pacto polo ensino público" e botan en falta a escola pública como referente do sistema. Neste punto semella especialmente inflexíbel a posición do PP, que propón como un dos seus puntos irrenunciábeis o que chaman "liberdade de elección de centro".

E se de inflexibilidade falamos, o PP móstrase ríxido noutro punto: a consideración da suposta desvantaxe do castelán fronte a galego, catalán e éuscaro, motivo polo cal esixen que o pacto trate especificamente este punto. Nese sentido, e no marco da súa reclamación do "dereito dos pais a elixir o tipo de educación" dos fillos, solicitan que se "debe garantir o ensino do castelán en toda España e liberdade dos pais a elixir a lingua vehicular na que educar os fillos". Ao fío, desde a CIG critican que o goberno español non free esa "errada" concepción de partida dos populares. Así, denuncian desde este sindicato que a proposta oficial agoira un modelo "centralista" que "non tería en conta a realidade dun Estado plurinacional e plurilingüe". Para o STEG tamén é preocupante que o ministerio non faga referencia ningunha aos idiomas cooficiais, no que ven como unha "estratexia partidista sen ningunha base pedagóxica e un desprezo cara os territorios con linguas propias e as súas linguas". Doutra banda, no plano lingüístico desde a UXT chaman a atención sobre a suposta interese polo inglés que, avisan, na práctica non se ve referendada na vontade de asignación de recursos.

E se de falta de sensibilidade cara a pluralidade falamos, as advertencias dos representantes sindicais chaman a atención tamén sobre o debate ao respecto dos contidos dos currículos escolares. Desde a CIG subliñan que na práctica, o día a día das aulas xa determina que máis da metade do guión escolar veña definido polo marco fixado polo ministerio e non ven sentido ás reclamacións ao respecto de "centralizalo máis". Pero desde o PP, outro dos eixos que priorizan á hora de sentar para asinar o pacto é o que reivindican como "asegurar unha formación común para os escolares españois no ensino básico". Unha definición de "currículo básico" para todas as etapas educativas que piden que se reflicta nuns libros de texto cun "tronco común igual en todas as comunidades autónomas". Do mesmo xeito, o PP deixa de opoñerse á existencia da materia Educación para a Cidadanía e pasa agora a esixir a elaboración de novos contidos para esta materia.


4,38/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: