Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Celera acelera

A Celera Genomics de Craig Venter rematou de secuencia-lo ADN dun doante anónimo, empregando a técnica coñecida como ‘shotgun’, escopeta. Celera aprovéitase, en parte, dos datos publicados polas outras institucións, dentro dos proxectos do xenoma humano. Malia esta circunstancia, Celera non comparte as súas conclusións cos demais investigadores e co público xeral. Venter asegura que publicarán a secuencia ensamblada e cos xenes identificados.

- 07:54 07/04/2000
Tags:

Seica será así, pero hai uns meses asinouse un acordo entre Celera Genomics e a compañía farmacéutica Pfizer.  O acordo con Pfizer inclúe o acceso da compañía farmacéutica ás cinco bases de datos que está a desenvolver Celera. Sen ir máis aló, o 30 de marzo, acordou con Takeda, a primeira compañía deste sector no Xapón. É posible que Celera faga públicos os resultados, pero pola súa traxectoria sería despois de patentalos. Un dato: as accións de Celera en Wall Street pasaron dende os 73 ós 115 dólares. Os inversores non pagan por algo que pode ser de balde.
Unha queixa repetida polos Institutos Nacionais  da Saúde de Estados Unidos (NIH), institución para a que traballou Venter, é que nunca viron os traballos feitos por Celera. Os NIH e o seu presidente defenden a publicidade dos datos e que sexan de propiedade común.
 No número do vernes 24 de marzo de Science,  publicouse o remate da secuencia do xenoma da mosca da froita Drosophila melanogaster, feita por un equipo multinacional nucleado ó redor de Celera asociados ós biólogos moleculares do Proxecto Xenoma de Drosophila da Universidade de Berkeley.
A técnica ‘shotgun’ proporcionou máis de 50 millóns de fragmentos secuenciados de ADN humano . A partir de agora tódalas posibilidades informáticas de Celera tratarán de ordenar estes millóns de anacos de ADN. Para iso déronse un prazo de tres a seis semanas para remata-lo traballo. Disque antes do verán verémo-los resultados nunha primeira fase de ‘borrador’. Polo momento Celera ten na súas bases de datos preto do 99 por cento do xenoma humano. A compañía biotecnolóxica americana traballará co ADN doutras catro persoas para completar unha secuencia final.
Para máis información sobre o asunto cómpre consulta-las páxinas de Celera Genomics e as entrevistas a Daniel Soutullo en Grial e no Correo Galego.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: