O grupo Balakandra, de San Sadurniño, verá un dos seus temas nunha escolma internacional.
A peneira internacional Going Back Home, deseñada pola produtora estadounidense Quickstar Productions, terá entre a súa lista de 20 artistas de todo o mundo unha peza abrollada en terras galaicas. Será o tema "Adeus a Xosé Afonso", obra de Balakandra, o que formará parte dese proxecto de CD internacional.
Balakandra son Martín Sanjurjo ( Mandolina, Guitarra Midi, Violín, Dobro e Voz), Farru Rodríguez (Batería, Percusións, Acordeón e Guitarra), Manolo Dopico (Guitarra acústica e española, Mandocelo e Voz), Amparo Calvo (Voz e Percusión) e Dubi Lamas (Baixo).
O grupo naceu en San Sadurniño en 2004 e dentro da formación Saraibas, como vía para desafogar outras inquedanzas de varios dos seus membros. Daquela xa participaron no concurso Galiza Sons Folk, o que lles permitiu participar nun disco conxunto e animárense a tocar nun feixe de concellos, salas e festivais. Defínense a eles mesmos como mestura ecléctica: do pop ao bluegrass, do blues ao chachacha ou country, pegadas balcánicas... mais todo pasado polo filtro do folk galego.