Os socialistas din que o equipo de Feijoo usa a Cámara como "simple caixa de correos", obstaculizando o traballo parlamentario.
"Están ninguneando o Parlamento e creando unha gran desconfianza". A acusación facíaa este sábado o voceiro do grupo parlamentario do PsdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, recordando que o Goberno impulsou todos os seus proxectos por "lectura única ou trámite de urxencia", dificultando deste xeito o desenvolvemento dos textos normativos. De xeito concreto mencionou o caso da reforma da Lei de Ordenación do Solo, que "de xeito incomprensíbel volve tramitarse de urxencia, recortando considerablemente os prazos nunha cuestión de gran sensibilidade social".
Serían exemplos do que Leiceaga cualificou de "alerxia ao Parlamento" por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a quen acusa de desvalorizar a institución. O deputado socialista contrapuxo a actitude de Feijoo coa do anterior presidente, Emilio Pérez Touriño, quen por exemplo explicara na Cámara cada unha das súa viaxes ao exterior. O líder do PP, pola contra, rexeitou todas as peticións que a este respecto realizou a oposición. Criticou ademais que non houbese debate do Estado da Autonomía "e SÓ houbo unha única comparecencia do presidente da Xunta en todo este período de sesións".
Leiceaga referiuse tamén ao "constante revisionismo" do goberno de Feijoo, a quen acusa de introducir "unicamente criterios ideolóxicos", por encima de outras cousas. Ao fío, insistiu en que o seu grupo realizou un traballo intenso de propostas, especialmente nos ámbitos do mercado de traballo, desemprego, dinamización económica e na política social, e denunciou que o Partido Popular "paralizou en gran medida todas estas iniciativas". De xeito específico, lanzou os seus dardos contra o conselleiro de Industria, de quen ironizou que "debe estar practicando inglés, porque polo demais nada se sabe". Falou a continuación da conselleira de Traballo, "unha cinsenta que parece que perdeu algún zapato nas vacacións de Nadal e que non ten ningunha atención ao dialogo social, e tampouco a mais mínima sensibilidade social”. E a continuación cargou contra o conselleiro de Infraestruturas, a quen definiu como "o gran paralizador das obras públicas neste país con niveis de licitación que farían ruborizarse a calquera, un récord histórico en Galiza, que nun futuro seguro poderá ser recompensado cunha medalla”, ironizou.