Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
METEOROLOXÍA

Os fortes ventos deixan numerosas incidencias nas comarcas costeiras

As tellas polo chan, as árbores nas estradas e os cortes de luz marcaron o paso do temporal.

Redacción - 09:37 14/01/2010

O temporal de vento e auga trouxo complicacións na madrugada deste mércores ao xoves. As comarcas costeiras foron as máis afectadas polos fortes refachos que obrigaron aos servizos de emerxencias a traballar arreo en pequenas incidencias

Os principais problemas foron tellas caídas e árbores e pequenos desprendementos de terra nas estradas. Os cortes de luz foron constantes tamén en localidades da Costa da Morte, na vila de Betanzos e incluso nalgunhas zonas de Compostela como os barrios de Salgueiriños e San Lázaro.

Na Costa da Morte as incidencias foron numerosas. En Cee a intensidade do vento afectoulle de cheo ao tellado do centro comercial “Finisterrae” que tivo que ser acordonado polos servizos de emerxencia.

En Vigo a autovía A-55 estivo cortada durante unha hora por mor da caída dun eucalipto e na comarca Protección Civil traballa para sacar polas de árbores das estradas. Similares incidencias aconteceron en comarcas costeiras pontevedresas como a de Arousa.

Na provincia de Lugo hai numerosas estradas polas que hai que circular con precaución debido á presenza de árbores nas vías. Na Terra Chá as abundantes precipitacións deixaron importantes bolsas de auga nas estradas.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: