Criticou a indecisión de Núñez Feijoo e atribuíulles a "intereses persoais" e a "estratexias centralistas" as reticencias á fusión dende círculos vigueses.
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, pronunciouse este martes na web da formación nacionalista sobre o futuro das caixas de aforros. Vázquez quixo enfatizar que "estamos en tempos de decisións" e non "de vacilación", en referencia ás hipóteses abertas polo presidente da Xunta nunha entrevista radiofónica.
O líder nacionalista pediulle a Núñez Feijoo que opte "dunha vez por todas e sen ningunha ambigüidade pola fusión das caixas galegas, no canto de sementar dúbidas a ese respecto". Así, exixiulle "garantir que o centro de decisión das caixas fique en Galiza e que a decisión dos poderes políticos galegos prevaleza sobre os designios do Banco de España e do poder central". Vázquez argumentou que "do que se trata é de aplicar a lei, de renovar os órganos de dirección das caixas e de apostar sen reservas pola fusión".
Porén, saíu ao paso das declaracións vertidas polo presidente do PP, Mariano Rajoy, que "aposta sen fendas pola bancarización, pola privatización", o que acabaría, ao seu entender, por "modificar o actual carácter público das caixas, mesmo como unha medida de alcance do seu presunto programa contra a crise económica". Relacionou estas teses coas "defendidas por José Blanco" e expresou a súa "sorpresa" polo feito de que Rajoy se preocupe por unha presunta redución da competencia se se fusionan as caixas galegas.
No referente á postura dalgúns sectores de Vigo, queixo aclarar que "o que están a facer é defender os intereses persoais dalgúns directivos e as estratexias centralistas que se ditan desde Madrid”, o que vai "xustamente contra os intereses de Vigo e contra os intereses de Galiza", que é o que supoñería "a alianza de Caixanova con caixas foráneas", o que levaría na práctica a que o centro de decisión da caixa se colocase fóra de Vigo.
Por iso, pediu "reflexión", "cordura" e "menos debate paixonal" e asegurou que "os empresarios, os comerciantes e os cidadáns de Vigo e de Galiza obxectivamente sairán beneficiados da fusión das caixas galegas".