"Podería pasar o que sucedeu en Lugo en 2007", advirte Jiménez Morán en referencia ao futuro do organismo provincial.
Na opinión de Jiménez Morán, do congreso de xaneiro depende que o PPdeG free a continua erosión electoral na provincia de Ourense. Para o candidato á presidencia do PP provincial a prioridade da dirección que saia do congreso do vindeiro 30 de xaneiro haberá de ser o traballo para "reverter unha caída de votos que podería apartar o partido do organismo provincial".
Avisa así o rival de Xosé Manuel Baltar para o liderado do partido de que a tendencia á baixa nas urnas do PP en Ourense non se pecharía segundo o resultado que ese congreso debuxe. Juan Jiménez Morán insta así a "desterrar o risco que existe" de que o PP perda o poder na Deputación de Ourense vista a "lixeira pero constante" caída no apoio electoral ao partido na provincia. "Iso sería unha catástrofe para o partido en Ourense, e temos que evitalo", expón o tamén rexedor de Verín.
Ao tempo que lanza o agoiro, Morán teima en que o PP ourensán "está a tempo de tomar decisións" que eviten ese risco de perda de poder. Un traballo cara ao que considera que axudará a súa candidatura que, insiste, se artella arredor da necesidade de "unir o partido arredor da idea de que todos somos necesarios nel, e de que non hai un só militante do PP que sobre no PP". Ao fío, asegura o alcalde verinés que está recibindo o apoio "dun gran número de militantes que piden un cambio a mellor". "Consideran que son necesarias novas ideas coas que afrontar novos retos e novos desafíos", detalla Jiménez Morán ao respecto dos apoios que afirma estar colleitando.